#DEPORTES

Depo_Rutas BTT

Sube á bici e prepárate para vivir experiencias únicas

A Deputación de Pontevedra elabora unha serie de programas para o fomento de hábitos saudables a través da práctica de actividade física e deportiva en contacto coa natureza.


A provincia de Pontevedra esconde nos seus montes unha riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. Por iso, a Deputación de Pontevedra anímate a participar no programa "Depo_Rutas BTT". Elixe a ruta que máis se adapte ás túas exixencias, sube á bici e prepárate para vivir experiencias únicas: "a vida é como montar en bicicleta, para manter o equilibrio hai que seguir pedaleando".

O programa "Depo_Rutas BTT" ofrece 3 rutas totalmente gratuítas, cun máximo de 200 participantes en cada unha.

Persoas beneficiarias

O programa está dirixido ás persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza; as "Depo_Rutas BTT" abren a posibilidade de viaxar doutra maneira nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade patrimonial da nosa provincia.

O programa está dirixido a persoas, grupos de amigas e amigos ou familias, maiores de 16 anos, que se consideren aptas para levar a cabo a actividade. As e os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa representante ou titora legal; no caso de familias con varias fillas ou fillos abondará cunha persoa representante ou titora legal por familia.

Formalización da inscrición

As e os participantes poderán inscribirse  a partir do día designado para tal efecto pola Deputación e ata completar o límite de prazas.

Ofertaranse un total de 200  prazas. Aquelas persoas que se anoten con posterioridade (ata un máximo de 50) pasarán á lista de agarda. O prazo de inscrición rematará o luns anterior á realización da ruta, ás 10 horas.

No caso de non poder asistir á ruta na que estea inscrita ou inscrito deberá comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche de inscricións, o luns anterior á realización da ruta ás 10 horas, enviando un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal; deste xeito pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de agarda. A partir dese día as persoas que renuncien ou non asistan á ruta serán sancionadas e quedarán automaticamente excluídas do resto de rutas.

Ás persoas participantes confirmaráselles a asistencia a través de www.depo.gal, coa publicación da lista definitiva.

Funcionamento do programa

O programa "Depo_Rutas BTT" ofrece 3 rutas espectaculares pola provincia de Pontevedra.

A ruta seleccionada realizarase co equipo de persoal establecido pola empresa e inclúe os avituallamentos.

As rutas serán neutralizadas, estarán sinalizadas e deberanse seguir o itinerario e o ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido. O feito de non respectar esta norma suporá a exclusión da ruta.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO