Noticias
Presentación Play Doc

Xosé Leal, "O Play-Doc é un referente en contidos que fomentan o espírito crítico do público"

O deputado provincial de Cultura e Lingua participou na presentación da XIII edición do Festival Internacional de Documentais, que comezará este mércores


20 marzo 2017

"O Play-Doc é un referente no eido audiovisual por poñer en valor a súa especificidade, como é un xénero coma o documental, pero tamén por fomentar o espírito crítico do público a través de contidos que moven á reflexión", asegurou esta mañá o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a presentación da XIII edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc. A cita, que terá lugar en Tui entre os días 22 e 26 de marzo, foi presentada publicamente no teatro municipal da localidade polos organizadores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, polo director da AGADIC, Jacobo Sutil, polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e polo deputado Xosé Leal.

Leal incidiu en que "temos unha provincia que é unha potencia en canto a festivais audiovisuais consolidados, que deben seguir camiñando na busca da excelencia". Neste sentido, o deputado de Cultura e Lingua asegurou que "a liña de axudas para apoiar os festivais audiovisuais que convocou este ano a Deputación está concibida precisamente para consolidar modelos que son un referente tanto a nivel galego coma a nivel de Europa". Xosé Leal adiantou que, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, foron 7 os festivais que se presentaron a esta liña de subvencións, entre os que se conta o Play-Doc. Na súa intervención o deputado tamén quixo salientar o feito de que "este tipo de festivais que se están desenvolvendo con éxito de público teñen un traballo inxente detrás, pero sobre todo están fundamentados nunha base social e iso é o que fai que se manteñan e que vaian medrando ano a ano".

Esta edición do Play-Doc terá como realizador homenaxeado a Dominic Gagnon, que, en palabras de Sara García, "é a nosa maior aposta deste ano". O realizador franco-canadense terá en Tui a súa primeira retrospectiva no Estado español e unha das poucas que se lle ten dedicado no contexto europeo. O XIII Play-Doc caracterízase, ademais, por ter nesta edición o programa de cinema galego máis extenso de toda a traxectoria do festival, con 12 filmes, 5 deles en estrea mundial. O programa galego está formado polos filmes O equilibrio dos opostos, de Alberto Baamonde, Lenda Negra, de Elisa Celda, Claudia Gracia, Mario Sanz e Óscar Vicetelli, Quiasma, de Tono Mejuto, Rapa das Bestas, de Jaione Camborda, Rust, de Eloy Domínguez, La fuga de los 45, de Cristina Caamaño, Montañas ardientes que vomitan fuego, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, Una vez fuimos salvajes, de Carmen Bellas, Vai chover, de Santiago D. Risco, Esquece Monelos, de Ángeles Huerta, Aysha, de Fon Cortizo, e Manuel Vilariño. Ser luz, de José Manuel Mouriño. Unha programación que, como vén sendo habitual, ademais das proxeccións, contempla actividades paralelas coma os concertos e os encontros con profesionais do audiovisual. A xornada inaugural, que terá lugar o mércores 22, ás 20:30 horas, contará coa proxección de On the Bowery e o espectáculo de danza Commutatio, de Javier Martín.


Outras novas

Roteiro Cangas

21 setembro 2017, cangas, xose leal, roteiros literarios
TEK-FEST 2017

20 setembro 2017, museo de pontevedra, música, universidade de vigo, deputación de pontevedra, folclore, concello de pontevedra, tek-fest
Viveiro de empresas

20 setembro 2017, lalín, carmela silva, rafael cuiña, deza, viveiro, deputación de pontevedra, concello de lalín
Workshop AECLab

20 setembro 2017, madrid, uxío benítez, deputación de pontevedra, aeclab, workshop, asociación española de la carretera