Noticias
Baiona

Visto bo para crear unha senda peonil nas dúas estradas provinciais que coinciden co Camiño de Santiago pola Costa en Baiona

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que o financiamento da obra, de 381.022,32 euros, repartirase entre o 80 % a Deputación e o 20 % o Concello


17 xuño 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar na Xunta de Goberno que tivo lugar o venres o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Baiona para levar adiante o proxecto de "Mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria nas EP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago pola Costa". Esta actuación, do Departamento de Mobilidade que dirixe Uxío Benítez, suporá a creación dunha senda peonil e ciclista para facilitar o tránsito peonil da veciñanza e das peregrinas e peregrinos, a instalación de elementos de calmado do tráfico mediante redutores físicos de velocidade, e tamén un miradoiro e contará cun orzamento de 381.022,32 euros, que serán financiados ao 80 % pola institución provincial e ao 20 % polas arcas locais.

O proxecto da actuación está xa rematado e pendente de aprobación definitiva. Co trámite solucionado onte, só será preciso asinar o convenio e proceder á contratación dos traballos, polo que as obras poderían estar en marcha en outono deste ano. Segundo indicou Benítez, a Deputación de Pontevedra está concienciada sobre a necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia, facendo especial fincapé nos treitos que transcorren por espazos urbanos, núcleos ou que teñen un tránsito peonil elevado. Por ese motivo, o organismo provincial quere levar a cabo intervencións no seu propio viario e está a facer unha replanificación profunda e conceptual das actuacións en materia de mobilidade. O obxectivo é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público.

As actuacións que se realizarán en Baiona teñen por finalidade "dar valor aos peóns dinamizando unha zona que actualmente presenta unha serie de carencias e inconvenientes, como a inexistencia de beiravía, que padecen todas e todos os que pasan por alí camiñando. O novo deseño da zona permitirá a todas as persoas gozar da fermosa paisaxe da contorna", segundo explica o nacionalista.

O ámbito de actuación da obra abranguerá 675 metros da estrada provincial EP-2203 entre Baredo e Loureza (entre os P.Q. 2+625 ata o P.Q. 3+300) e outros 300 metros da EP-2202 Baiona e Loureza (desde o P.Q. 1+500 ata o P.Q. 1+800). Preténdese buscar un deseño que sexa comprensible polas persoas usuarias, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade. Así, a previsión é instalar unha senda peonil e tamén elementos físicos de calmado do tráfico tales como pasos de peóns sobreelevados (coñecidos como lombos) e redutores físicos de velocidade para vehículos, que permitirán a creación dunha zona de velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.

Mellorar as condicións dos peóns

Tendo en conta as liñas de actuacións e prioridades do Servizo de Mobilidade, así como as peticións do Concello de Baiona, a actuación nesta estrada estará enfocada en mellorar as condicións dos peóns, sobre todo por que se trata dun treito polo que pasa o Camiño de Santiago Portugués pola Costa.

As obras consistirán principalmente da execución dunha senda peonil que dea seguridade e pola cal os peóns e as persoas que fagan o Camiño de Santiago poidan gozar da contorna: reordenación e optimización do espazo público, delimitando claramente o uso e as funcións de cada unha das zonas que debe constituír a rúa; execución de senda peonil pola marxe esquerda do tramo, con sección útil de 2,50 metros, favorecendo o acceso dos peóns que fan o Camiño de Santiago –xa que estes proceden dun camiño situado na marxe esquerda– e permitindo que a senda conte con unhas fermosas vistas.

Así mesmo, tamén se habilitarán zonas de estancia e esparexemento para as e os viandantes, situando a iluminación existente segundo as necesidades, e cunha nova rede de evacuación das augas pluviais, e adaptación da sinalización vertical e horizontal, sobre todo de velocidade, dado que en todo o tramo non existe ningunha. Será necesaria unha variación do trazado desde o P.Q. 2.880 para aumentar a plataforma e que deste xeito a estrada e a senda teña as dimensións adecuadas. Para iso realizarase o desmonte da parte de rocha da marxe esquerda. Finalmente, renovarase o firme de todo o tramo na EP-2203. En relación á EP-2202 colocaranse os redutores físicos de velocidade e o pasos de peóns sobreelevados necesarios para reducir a velocidade no tramo, así como o pintado da senda o seu paso pola ponte.

Esta actuación en Baiona está incluída na Estratexia de Mobilidade 3.0 que o pasado mércores se presentou oficialmente na Deputación para a mellora de 29 estradas na provincia de Pontevedra por un montante global de 22 millóns de euros. Na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse o convenio para este proxecto no Val Miñor, ao igual que tamén os de outras catro actuacións para O Grove, Tomiño, Mos e Tui.


Outras novas

DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións
Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende