Noticias
I Congreso de Educación Ambiental

As e os escolares da provincia demostran que a compostaxe é a forma máis natural de tratar o lixo orgánico

O vicepresidente Mosquera instou hoxe a pequenas e pequenos a animar ás súas familias a compostar na apertura do I Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de ensino de Pontevedra


30 maio 2017

 Preto de 200 nenas e nenos de seis colexios da provincia de Pontevedra demostraron hoxe cos seus proxectos escolares que a compostaxe é a forma máis natural de tratar o lixo orgánico. Esta conclusión foi a que se chegou no I Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de Ensino de Pontevedra organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza, que foi inaugurado polo vicepresidente César Mosquera, o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) Carlos Vales e o alcalde Fernández Lores.

Este congreso puxo fin ás actividades que se desenvolveron ao longo do curso en 16 centros de ensino de toda a provincia para dar a coñecer a compostaxe como forma de xestión do lixo de xeito lúdico: con obradoiros, xogos, relatorios e visitas a centros de compostaxe comunitaria.
 O vicepresidente Mosquera asegurou ás rapazas e rapaces que son "pioneiras e pioneiros" no traballo escolar sobre compostaxe e preguntoulles se tiñan aprendido pouco, bastante ou moito dos obradoiros realizados. A resposta non puido ser máis positiva: as nenas e nenos manifestaron ter aprendido "moito" e incluso aseguraron que seus pais e nais nas súas casas tamén estaban dispostos a compostar o lixo orgánico. Neste sentido, o nacionalista asegurou que cando son as nenas e nenos os que animan á familia a compostar, a compostaxe doméstica acaba sendo un éxito.

Pola súa banda, o director do CEIDA, Carlos Vales, subliñou que os traballos realizados polos centros participantes no congreso (CEIP San Benito de Lérez, EEI Verducido, CEIP Valle Inclán do Grove, CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo, CEIP Riomaior-Santa Cristina de Cobres e CPI O Toural de Vilaboa) recolleranse nunha publicación que se difundirá entre a comunidade escolar da provincia. Vales quixo darlle os parabéns ás e aos profesores que se implicaron na proposta de promocionar a compostaxe, o que cualificou como "un proxecto de innovación educativa nunha época de desilusión docente".

Finalmente, o alcalde Fernández Lores explicou ás e aos rapaces que el mesmo como veciño de Marcón ten un composteiro hai anos na súa casa e destacou que o programa de compostaxe tanto da Deputación como do Concello de Pontevedra é unha volta "ao principio, as nosas avoas e avós, que o aproveitaban absolutamente todo". Neste sentido, o rexedor manifestou que o feito de que as e os escolares traballen sobre a compostaxe xa fai "que teñamos garantido que o ambiente se tratará doutra maneira no futuro". "Todos os vosos proxectos falan de como aproveitar a materia orgánica coa compostaxe: mellórase o ambiente, enriquece os solos, consúmese menos enerxía ao tratar o lixo, sae máis barato e ademais facémonos máis responsables dos residuos que xeramos", subliñou.

DE HORTAS ESCOLARES A COOPERATIVAS E ECONOMÍA CIRCULAR

Os centros escolares que traballaron no Plan Revitaliza da Deputación xunto co CEIDA participaron nos obradoiros de formación titulados A Voltas coa Compostaxe, Xogo da Miñoca, Quen Vive Aí? e tamén puxeron en marcha os seus propios composteiros particulares e visitaron os centros de compostaxe comunitaria instalados nos diferentes concellos. De aí xurdiron propostas que se materializaron dentro da programación escolar de cada colexio.

O CEIP plurilingüe San Benito de Lérez (Pontevedra) traballou no proxecto "Do composteiro á horta", que tiña como obxectivo primordial concienciar ás nenas e nenos da importancia de coidar o ambiente. Hai anos no centro fíxose unha horta escolar e ao seu carón instalouse un composteiro, de xeito que as e os escolares puideran investigar e realizar experiencias en contacto directo coa natureza, así como potenciar comportamentos comprometidos. Segundo manifestaron as propias rapazas e rapaces, o traballo, reforzado este curso co persoal técnico do CEIDA e da Deputación, converteu o tándem composteiro-horta nun laboratorio vivo e natural onde aprenderon e descubriron as leis que rexen o seu propio  ecosistema.

O CEIP Valle Inclán (O Grove) desenvolveu ao longo do curso o proxecto "Compostando coas mans na terra". O que se pretendía era dotar ao alumnado de ferramentas que lle servisen para vivir en sociedade, "con experiencias coas que adquirir aprendizaxes que os fagan cidadáns capaces de construír un mundo mellor, onde a reciclaxe dos residuos e o respecto polo ambiente en xeral sexan unha maneira de vivir", segundo indicou ao profesorado. Programouse para o primeiro trimestre o traballo de adecuación dun horto, coa procura de información para desenvolver de forma óptima a súa produción. No segundo trimestre incluíuse o proxecto da compostaxe e paralelamente realizouse a plantación e seguimento da produción. No terceiro trimestre incidiuse na elaboración e transformación dos produtos e no proceso de compostaxe e usos dos materiais compostados, co que se acadou unha actividade de economía circular onde os refugallos voltaron á terra para dar lugar a novos alimentos.

O CEIP Plurinlingüe de Riomaior de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) apostou polo proxecto da "Cooperativa Riomaior". Este ano este centro tivo como tema reitor o turismo, fomentar o espírito emprendedor e concienciar a futuras cidadás e cidadáns do concello na implicación necesaria para poder mellorar en todos os aspectos o seu futuro ( económico, social, ambiental etc.). Os recursos económicos necesarios para esta viaxe chegaron de tres actividades diferentes: o horto escolar no que se aplicou a compostaxe e se obtiveron produtos ecolóxicos, a venda de artesanía e as manualidades ( baseadas na reutilización de refugallos) elaboradas polo alumnado. Para isto creouse una empresa ficticia Cooperativa Riomaior constituída por todo ao alumnado de sexto como cooperativistas.

A EEI Verducido (Pontevedra) ten alumnado entre 3 e 7 anos (de 1.º e 2.º de Primaria e de 2.º ciclo de Educación Infantil) e desde hai anos contan na escola cunha horta ecolóxica na que traballan todo o curso. A ela contribuíron desde este curso facendo compost coas mondas e restos das merendas "concienciando así ao alumnado da problemática dos residuos e da importancia da separación das distintas fraccións dos residuos" a través do proxecto "Compostarte".

No CEIP Noalla-Telleiro (Sanxenxo) o seu proxecto titulouse "Noalla compostando". Ao profesorado explicou que, dado o contorno de carácter rural do centro, a día de hoxe o alumnado conta con menos posibilidades de acceder aos puntos de reciclaxe que nunha zona urbana, polo que a sensibilización en tarefas de reciclaxe "é unha necesidade". Por outra parte, a iniciación no coñecemento e uso dun composteiro valorouse como un elemento positivo, pois as propias nenas e nenos comprobaron que o uso a nivel familiar seguramente sería "perfecto" por ter, ademais dos produtos de cociña, produtos vexetais de poda e plantas ao contar case todas as vivendas cunha horta ou finca. A intención do colexio era "que a utilización do composteiro como un hábito se instalase no quefacer diario das rutinas, utilizando posteriormente o compost obtido para fertilizar as plantas do recinto escolar". A maiores, no proxecto de compostaxe as nenas e nenos están a realizar uns trípticos informativos que despois levarán ás súas casas para tratar de convencer e de involucrar ás súas familias.

Finalmente, o CPI do Toural (Vilaboa) traballou durante o curso no proxecto "A nosa vida no Toural: Ecolóxica, saudable e natural". A actividade central deste proxecto foi manter a actividade dos composteiros para rentabilizar e mellorar o coidado da horta (onde hai cebolas, amorodos etc.), co tamén obxectivo de mellorar a formación do alumnado e profesorado na compostaxe e así automatizar esta actividade e trasladala á vida cotiá. Desta actividade encargouse integramente o alumnado, coa supervisión dun grupo de profesoras e profesores e a colaboración do mestre composteiro do concello. Organizáronse cuadrillas de reciclaxe para facer a compostaxe e en cada aula do centro instaláronse tres papeleiras distintas para reciclar. Ao final de cada xornada, unha ou un responsable da aula encargábase de baleirar o lixo orgánico na composteira para logo reutilizar o compost na horta ou compartilo coas familias no caso de que houbera excedentes.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións