Noticias
Carmela Silva

O Goberno de Carmela Silva aproba destinar preto dun millón de euros para novos investimentos en cinco concellos da provincia

Forcarei, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Salvaterra de Miño e Vilaboa recibirán 892.160,93 € para a mellora de alumeado exterior e melloras nas vías municipais


19 maio 2017

O Goberno de Carmela Silva aprobou destinar preto dun millón de euros para levar a cabo a mellora de alumeado exterior e melloras nas vías municipais en cinco concellos da provincia. Forcarei, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Salvaterra de Miño e Vilaboa serán os beneficiarios destas achegas enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos 2017. Carmela Silva subliñou que "con esta relación levamos xa aprobadas achegas para investimentos nos concellos da provincia por valor de máis de 11,5 millóns euros, é dicir, o 44,75 % da liña 1 que este ano ascende a 25.750.000 €".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que Forcarei recibirá 61.611,14 € para a mellora da instalación de alumeado exterior no concello. Ata o momento, tal e como manifestou a presidenta provincial, Forcarei ten o 33,53 % do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado.

Para a mesma comarca, en Tabeirós-Terra de Montes, o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 565.453,92 € para que A Estrada poida pavimentar vías no termo municipal. Con esta achega, A Estrada ten xa aprobado o 66,7 % da contía do Plan Concellos deste ano.

Pola súa banda, tal e como informou Silva esta mañá, Cerdedo-Cotobade recibirá 124.871,47 € para o asfaltado de vías de acceso ao colexio de Carballedo, Dorna e ao balneario de San Xusto. Ata o momento, este concello ten o 45,52 % do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou, ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos, destinar 72.037,33 € a Vilaboa para a pavimentación e reparación do firme así como para o asfaltado de pistas municipais en Acuña. Con esta achega, Vilaboa ten aprobado o 37,03 % do Plan Concellos deste ano.

Salvaterra de Miño, pola súa banda, recibirá 68.187,07 € para a pavimentación de pistas municipais entre Alxén e Seganosa, no campo da feira e na pista da igrexa de Vilacoba. Deste xeito, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou xa o 52,73 % do Plan Concellos 2017 correspondente á vila.

O Plan Concellos 2017 ten asignado para este ano unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a do ano anterior e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobado xa máis de 30 millóns de euros desde xaneiro, é dicir, o 73 % do Plan.


Outras novas

Roteiro Cangas

21 setembro 2017, cangas, xose leal, roteiros literarios
TEK-FEST 2017

20 setembro 2017, museo de pontevedra, música, universidade de vigo, deputación de pontevedra, folclore, concello de pontevedra, tek-fest
Viveiro de empresas

20 setembro 2017, lalín, carmela silva, rafael cuiña, deza, viveiro, deputación de pontevedra, concello de lalín
Workshop AECLab

20 setembro 2017, madrid, uxío benítez, deputación de pontevedra, aeclab, workshop, asociación española de la carretera