Noticias
O alcalde Miguel Fernández Lores e César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial

O composteiro do campus saca a súa primeira produción en tres meses

O alcalde Miguel Fernández Lores e César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial, subliñan na Xunqueira a rapidez e a calidade do produto


20 abril 2017

O composteiro comunitario do campus universitario é excelente: no tempo de produción, non chega aos tres meses, e na calidade do seu produto. Ata A Xunqueira foron o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores acompañado polo concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, coincidindo coa Semana da Creatividade que pon en marcha o Campus Crea da Universidade de Vigo en Pontevedra e a primeira achega do composteiro.

Hai un traballo "moi grande" detrás deste éxito das e dos aportadores dos restos e do mestre composteiro, lembrou o alcalde, quen subliñou que "o importante é que estas experiencias piloto están a darnos unha base de aprendizaxe para ir avanzando e estendendo a compostaxe". Neste composteiro recolléronse 5 toneladas de biorresiduos nos tres meses que leva funcionando, serán 20 ao cabo do ano, unha capacidade suficiente para atender as necesidades xeradas polas cafeterías-restaurantes universitarias.

As e os técnicos aseguran que o compost xerado no campus da Xunqueira é de moi boa calidade, sen materiais pesados, e cun índice de nitróxeno biolóxico que ten chegado ao 7 % (para facer un compost de calidade agárdanse índices do 2 %). Están a estudar os motivos destes niveis tan elevados de nitróxeno, que falan da súa calidade, pero atribúen os bos resultados xerais á boa separación en orixe.

O éxito das experiencias piloto de compostaxe de Pontevedra pódese estender a toda a provincia. Segundo o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e concelleiro de Infraestruturas "non houbo nunca un programa deste tipo no que se integrasen concellos de toda cor e que as queixas ou a oposición previa fora tan baixa". "Penso", engadiu, "que é un programa que nun tempo récord acadou moitísimos obxectivos: non hai ningún campus que trate todos os biorresiduos, xa hai composteiros en 30 concellos da provincia…"

Mentres, o Concello traballa na adquisición de composteiros individuais e colectivos que se distribuirán polas parroquias e os barrios da cidade.


Novas relacionadas

Colexio Florida

30 marzo 2017, sanxenxo, compostaje, compostaxe, compostador, plan revitaliza, a florida

13 mar 2016, compostaje, compostaxe, compostadores, composteiro, compostador
Reunión para a selección de proxectos de compostaxe comunitaria

05 nov 2015, concellos, compostaxe, centro de compostaxe, césar mosquera, vicepresidente

Outras novas