Noticias
Lalín

Lalín acolle durante o mes de outubro cinco novos obradoiros de "Smart Peme"

"Smart Peme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia


08 outubro 2017

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante todo o mes de outubro, cinco obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. "Smart Peme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

En canto aos obradoiros programados para Lalín no mes de outubro, todos eles en horario de 19 horas, terán como seguinte evento "Sácalle partido a túa conta de Gmail", que celebrarase o vindeiro martes 10 de outubro. Posteriormente, o martes 17 organizarase o obradoiro "Facebook Ads". Esa mesma semana, o xoves 19, Lalín tamén acollerá "Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas". Por último, neste mes de outubro, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 será o lugar onde terá lugar o obradoiro "Fotografía e vídeo para establecementos de turismo", o día 23, e "Linkedin: a túa rede de networking", o día 25. A oficina "Smart Peme" de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto "Smart Peme", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos". Para isto, nas oficinas de "Smart Peme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo estanse poñendo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.


Novas relacionadas

SmartPeme

05 outubro 2017, obradoiros, smartpeme, deputación de pontevedra, edificio administrativo