Noticias
A presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Mos Nidia Arévalo, xunto co deputado de Mobilidade Uxío Benítez

Deputación e Concello de Mos asinan o convenio para mellorar a estrada provincial Puxeiros-Peinador cun orzamento que supera os 630.000 euros

A presidenta Carmela Silva felicitou que a institución provincial e municipal "foramos quen de facer un proxecto común con altura de miras para o beneficio da cidadanía"


11 outubro 2017

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos ratificaron hoxe o acordo para mellorar de xeito integral a estrada provincial EP-2603 Puxeiros-Peinador. A presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Mos Nidia Arévalo, xunto co deputado de Mobilidade Uxío Benítez, asinaron o convenio polo que se realizarán as obras, que teñen un orzamento de 632.857,31 euros, dos que a institución provincial financiará o 86,33% e o goberno local o 13,67%.

Segundo asegurou a presidenta Carmela Silva, o convenio "é unha resposta ás necesidades do presente e do futuro na zona e tiña que asinarse si ou si por ser unha necesidade urxente e relevante". De feito, felicitouse porque o goberno provincial e local "foramos quen de facer un proxecto común con altura de miras en beneficio da cidadanía". Destacou que as obras mellorarán a mobilidade no contorno e tamén favorecerán a economía dunha zona na que están instaladas un grande número de empresas e industrias. "Esta estrada dá vida á economía dunha zona moi importante e incide na loxística das empresas, polo que hoxe é un bo día", subliñou.

Pola súa parte, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que o proxecto de ‘Mellora da seguridade viaria da EP-2603 Puxeiros-Peinador' suporá a rehabilitación estrutural do firme de toda a vía (preto de 2,8 quilómetros), a instalación de elementos de calmado de tráfico (coñecidos como ‘lombos') e zonas 30, de sistemas de contención para motociclistas, nova iluminación, así como a renovación de toda a tubaxe de abastecemento de auga e a drenaxe.

A estrada entre Puxeiros-Peinador, segundo asegurou o deputado nacionalista, é a terceira con máis intensidade media diaria de vehículos de toda a rede provincial, soportando o paso de 8.000 vehículos diarios, dos que o 10% son de grandes dimensións. "A estrada ten unha grande capacidade vertebradora no municipio e na área metropolitana de Vigo, xa que conecta co aeroporto e vías de alta capacidade, tamén chega ata ao aeroporto, ao IFEVI e á zona industrial do Rebullón. Ante todo este tránsito, era de recibo por parte da Deputación actuar para aumentar a seguranza viaria", dixo.

No que atinxe ao financiamento, o convenio asinado hoxe establece que do orzamento de 632.857 euros, a Deputación financiará 546.364,20 euros que corresponden á mellora da vía, mentres que o Concello se fará cargo de 86.493,11 euros, correspondentes ao custe da mellora dos servizos. "Este é un caso particular no que o Concello tiña previsto renovar as canalizacións. Plantexamos facer unha actuación de forma conxunta e temos que felicitarnos por colaborar entre administracións, xa que é mellor mellora facer a obra dunha soa vez", finalizou o deputado.

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestou a súa satisfacción pola mellora da estrada, que definiu como a máis importante dentro do Concello de Mos e a de maior tránsito na parte sur da provincia. A rexedora lembrou que o proxecto foi elaborado polo Concello no ano 2014 e que agora quedaba a fase máis custosa por acometer. "Nas diferentes reunións co deputado insistimos na necesidade desta obra porque persoas de toda a área metropolitana teñen que utilizar esta estrada por necesidade de vida, de conexión co aeroporto, cas autoestradas e ca área industrial. Será unha grande obra que agradecerán os veciños de toda a provincia", subliñou.

Unha vez asinado hoxe o convenio de colaboración, aprobarase o proxecto definitivamente (xa supervisado e modificado polos técnicos da Deputación conforme aos novos criterios do decálogo de vías provinciais), e procederase á súa contratación. Segundo indicou o deputado Benítez, os trámites administrativos prolongaranse varios meses, mais a obra poderá iniciarse como moi tarde na primavera do ano que vén.

Rodadura EP-2601

Por outra parte, Benítez tamén lembrou que a Deputación de Pontevedra vai mellorar a capa de rodadura dun treito dun quilómetro na estrada provincial EP-2601 entre Mos e Puxeiros, no concello de Mos. A intención é aumentar a adherencia da vía mediante a execución dunha capa de tratamento antiescorregadizo, acadando unha mellora notable da seguranza viaria.

Os servizos técnicos da Deputación consideraron necesario realizar as actuacións nun treito de 1.000 metros, entre os puntos quilométricos 2+000 e 3+000, debido aos problemas que presenta o firme actual.  O orzamento para facer estes traballos, que se contratan de xeito conxunto con outras actuacións en A Cañiza, O Grove, Meis e Meaño, ascende a 53.259,94 euros.