A vendima dos viñedos do castelo de Soutomaior comezará este martes coa previsión de recoller 18.000 quilos de uva

A empresa Enoturismo Acha foi a adxudicataria da poxa pública convocada pola Deputación de Pontevedra, cunha oferta de 1,45 euros por quilo de uva albariña

10/09/2023

O próximo martes 12 de setembro comezará a vendima nos viñedos situados na finca do Castelo de Soutomaior, propiedade da Deputación de Pontevedra, coa previsión de recoller un total de 18.000 quilos. A encargada da colleita e da explotación da uva albariña e doutras variedades brancas será a empresa Enoturismo Acha, logo de ter gañado a poxa pública convocada pola Deputación cunha oferta de 1,45 euros por quilo de uva albariña recollida e 1,05 € para as outras variedades.

Un total de 25 persoas traballarán nos viñedos do Castelo os próximos 12 e 13 de setembro para facerse cargo tanto da vendima como tamén do traslado posterior da colleita. O ano pasado colleitáronse preto de 19.000 quilos de uva (máis de 16.000 quilos de albariña e preto de 2.500 quilos de godello), superando amplamente as previsións, estimadas en arredor de 12.000 quilos. Esta cifra supuxo, ademais, a maior colleita desde que a institución provincial implantou o sistema de poxa para a explotación dos seus viñedos.

A explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior remóntase ao ano 1984 e ocupa catro das 30 hectáreas coas que conta o complexo histórico e patrimonial no seu conxunto. Toda a uva do castelo é autóctona e albariña na súa maioría, pero nos viñedos tamén se atopan outras variedades brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) e tintas (mencía e sousón).

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.