Noticias
SmartPeme

Carmela Silva dá conta dos resultados e das novas iniciativas que se suman ao programa "SmartPeme"

A Deputación de Pontevedra incorporará, entre outros, unha carteira de servizos para o sector turístico e novas temáticas de obradoiros


11 setembro 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, mantivo esta mañá unha reunión coas persoas responsables de "SmartPeme" e cos e coas axentes TIC presentes en cada unha das seis oficinas coas que conta este programa ao longo do territorio da provincia de Pontevedra. Neste encontro, a presidenta provincial avanzou as novidades que se incorporan a "SmartPeme" co inicio deste novo curso e, ademais, deu conta do balance dos resultados do programa no último ano, con incrementos de participación que se sitúan arredor do 50 % respecto ao ano anterior.

Carmela Silva avanzou como as novidades do programa que, este novo curso, "en SmartPeme implantaremos novas temáticas de obradoiros adaptadas ás características das persoas usuarias do programa, con novos itinerarios e coa colaboración das asociacións". A institución provincial tamén asesorará ás persoas que integran o espazo coworking do polígono de Barro-Meis, traballará para a captación de novos colectivos, nomeadamente os comercios minoristas e o sector cooperativista, e tamén elaborará un plan de difusión para aumentar a presenza de "SmartPeme" no tecido empresarial, a través do envío de newsletters informativas periódicas, a actualización da páxina web do programa, o envío de e-mails recordatorios coa programación dos obradoiros e a colaboración cos concellos para implantar espazos publicitarios que permitan incrementar o coñecemento da cidadanía deste proxecto.

Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará un dos seus proxectos máis ambiciosos: unha carteira de servizos para o sector turístico. A través desta, empregarase a base de datos da Smart Destination para identificar as necesidades do sector, ademais de contar con actividades formativas de alto impacto, cun servizo de información e asesoramento personalizados e un calendario de accións de promoción específicas. Carmela Silva asegurou que esta carteira de servizos terá un lugar destacado dentro do plan estratéxico que está a elaborar a Deputación de Pontevedra para o turismo da provincia.

A presidenta provincial lembrou que, nos últimos meses, xa se incorporaron outras novidades como o asesoramento telemático, unha medida "fundamental para quen cremos na igualdade de oportunidades, xa que as persoas con diversidade funcional non teñen outra forma de acceder a este servizo" ademais de resultar vantaxoso para as persoas que rexen pequenos comercios. Tamén un kit de emprendedoras e emprendedores con ferramentas doadas e rápidas para cada unha das fases do seu proxecto (dispoñible na páxina web de "SmartPeme") e, ademais, creáronse os servizos "SmartPeme Informa" (que atende a temas de actualidade "cando algo alerta á sociedade, informando con rigor e aclarando dúbidas") e "SmartPeme Conecta" (que pon en contacto ás persoas demandantes coas empresas que teñen ese tipo de produtos, nos casos nos que o propio persoal de "SmartPeme" non pode dar resposta a esas necesidades).

"Os datos de SmartPeme no último ano son espectaculares"

Carmela Silva sinalou que "SmartPeme obtivo uns excelentes resultados debido a que é unha moi boa idea que é necesario que se potencie aínda máis, para chegar ao conxunto da cidadanía". Este programa, lembrou a presidenta, consiste en "levar ás persoas emprendedoras e autónomas e ás pequenas e medianas empresas da provincia as novas tecnoloxías para mellorar a súa competitividade, rachar coa brecha dixital que existe en moitos sectores como o do pequeno comercio ou o sector agro-gandeiro, mellorar a eficacia e eficiencia da nosa rede empresarial e xerar maiores beneficios, maior emprego e, ademais, que ese emprego sexa de maior calidade".

A presidenta sinalou que "este ano aumentamos en preto dun 50 % tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra". Deste xeito, "preto de 3.300 persoas adquiriron novos coñecementos entre xullo de 2.016 e xullo de 2.017, un 45,5 % máis que no período anterior". Ademais, entre xaneiro e agosto de 2.017 atendéronse un 26 % máis de consultas, con preto de 1.000, organizáronse 210 obradoiros (un 6 % máis) cunha asistencia de preto de 1.700 persoas (un 32 % máis) e xeráronse 603 altas (un 3 % máis).

Durante este último ano, ademais, a Deputación de Pontevedra colaborou con 25 asociacións a través de reunións, presentacións e obradoiros temáticos, "un número que queremos incrementar creando ademais unha relación bilateral" e tamén organizou eventos con persoas relevantes da talla de Enrique Dans, cunha altísima participación tanto presencial como a través das redes sociais.

Estes resultados, asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, "son froito de tres factores: que contamos cunha rede profesional de altísimo nivel, que existe na provincia unha demanda deste tipo de proxectos de uso das TIC e, por último, que SmartPeme é un proxecto flexible que cubre as novas demandas que se van xerando". "Desde o Goberno provincial estamos sorprendidas e sorprendidos polo ben que funciona este programa", sinalou Carmela Silva.

Carmela Silva visitará este curso todas as oficinas SmartPeme da provincia

A presidenta tamén avanzou as distintas liñas de actuación que se van desenvolver nas distintas oficinas da rede "SmartPeme" na provincia ás que, asegurou, "irei a todas e cada unha delas" ao longo do novo curso. Deste xeito, no Salnés (coa oficina de Cambados) realizarase un evento para o sector vitivinícola coa colaboración da D. O. Rías Baixas. En Pontevedra organizarase unha xornada para a atracción do pequeno comercio, moi presente na cidade, ademais de colaborar con asociacións como AEMPE (ofrecendo formación en ofimática) e AJE Pontevedra (neste último caso, integrándose no seu programa "Emprende 3.0") e o programa tamén terá presenza en distintos eventos como o "Pont-Up Store" que terá lugar o 21 deste mesmo mes. No caso da cidade de Vigo, "SmartPeme" colaborará con AJE Vigo e participará no II Salón de Empresarias de Galicia.

Para as comarcas do Condado e da Paradanta, Carmela Silva avanzou que a oficina de Ponteareas está a avanzar nun proxecto que permitirá que "o sector da agricultura ecolóxica cree unha estrutura de xestión a través das TIC", para o que o axente TIC encargado desta zona "asesorou e mobilizou ao sector". No caso de Deza e Tabeirós, a través da oficina de Lalín, a institución provincial colaborará con AEDEZA e ACOE para aumentar a súa base de persoas asociadas e organizará obradoiros e presentacións e, por último, no caso da oficina do Porriño, a Deputación de Pontevedra colaborará coa Cámara de Comercio de Tui para presentar "SmartPeme" entre a súa rede asociada.


Novas relacionadas

SmartPeme

30 agosto 2017, lalín, pontevedra, cambados, obradoiros, vigo, smartpeme

Outras novas

Workshop AECLab

20 setembro 2017, madrid, uxío benítez, deputación de pontevedra, aeclab, workshop, asociación española de la carretera
DepoRuarte Silleda

20 setembro 2017, silleda, deporuarte, 2017, deputación de pontevedra
Uxío Benitez

19 setembro 2017, uxío benitez, aeclab, asociación española de la carretera en madrid, futuro da mobilidade, workshop