Noticias
SmartPeme Cambados

Cambados acolle durante o mes de outubro cinco novos obradoiros de "Smart Peme"

"Smart Peme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia


08 outubro 2017

O Centro Exposalnés de Cambados acollerá, durante todo o mes de outubro, cinco obradoiros ao abeiro do programa "Smart Peme" da institución provincial. "Smart Peme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A actividade deste mes arrancou o xoves 5 de outubro co obradoiro "Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial" e seguirá cos seguintes cursos: o mércores 11 impartirase o obradoiro "Fotografía e vídeo para espazos interiores". O seguinte será unha semana despois, cando terá lugar o mércores día 18, "Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións", ao que lle seguirá o seguinte mércores, día 25 "Comercializa os teus servizos a través das redes sociais". Por último, o venres 27 de outubro, desenvolverase o obradoiro "Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite". Todos os obradoiros comezarán ás 19 h. A oficina "Smart Peme" de Cambados, no Centro Exposalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n, e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Lembramos que o novo proxecto "Smart Peme", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as e os emprendedores, as asociacións empresariais e axentes de dinamización en concellos". Para isto, nas oficinas de "Smart Peme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo estase poñendo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial das e dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.


Novas relacionadas

SmartPeme

30 agosto 2017, lalín, pontevedra, cambados, obradoiros, vigo, smartpeme