Noticias
Vigo

As oficinas "Smart Peme" da área de Vigo acollen 17 obradoiros durante o mes de outubro

"Smart Peme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia


08 outubro 2017

As oficinas SmartPeme da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante todo o mes de outubro un total de 17 obradoiros ao abeiro do programa "Smart Peme" da Deputación de Pontevedra. "Smart Peme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As quendas para o mes de outubro na oficina de Vigo son as seguintes: "Mostrario virtual: a fotografía e o produto no medio en liña" o martes 10 outubro. A seguinte semana, o xoves 19, desenvolverase "Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas", este será o único que non terá lugar na Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra, no seu lugar realizarase nas instalacións de AJE Vigo. Por último, o martes 24 de outubro, o obradoiro "A túa páxina web en menos de 90 minutos" e o martes 31, "Como facturar electrónicamente". A oficina "Smart Peme" de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.

Pola súa banda a oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: "Imos chamar á porta da túa clientela: posicionamento SEO" o luns 9. O martes 17 de outubro será a quenda de "Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais" e o venres 20 de "Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google". Xa para rematar, o luns 23 de outubro terá lugar "Ferramentas de google para a promoción de negocios locais" e o xoves 26 "A túa páxina web en menos de 90 minutos". A oficina "Smart Peme" de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.

Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: O martes 10 de outubro desenvolverase o obradoiro "Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl" e a seguinte semana, o luns 16 "Linkedin: a túa rede de networking". O mércores 18 de outubro terá lugar o obradoiro "Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais" e a última quenda do mes será o luns 30 de outubro con "Xestiona o teu negocio desde o móbil". A oficina "Smart Peme" do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

Todas as actividades –tanto as de Ponteareas como das do Porriño e as de Vigo– terán lugar en horario de 19 horas e a inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Lembramos que o novo proxecto "Smart Peme", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos". Para isto, nas oficinas de Smart Peme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se poñen en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.