Noticias
Aviso Fitosanitario

Areeiro aconsella actuar con urxencia nos parques públicos afectados de procesionaria do piñeiro para evitar problemas de saúde

Os servizos técnicos da Estación Fitopatolóxica subliñan que a seca e as temperaturas elevadas favoreceron o adianto do ciclo da praga aínda máis que o ano pasado


07 decembro 2017

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, advertiu no seu aviso fitopatolóxico extraordinario da necesidade de actuar con urxencia contra a procesionaria do piñeiro, sobre todo nos parques públicos, co fin de evitar problemas de saúde para a poboación.  Os servizos técnicos indican que hai que eliminar e destruír os bolsóns das eirugas, promover a presenza de aves insectívoras colocar barreiras cónicas nos troncos para evitar que as eirugas cheguen ao chan, e aplicar insecticidas para impedir que se enterren.

O persoal da Unidade de Artrópodos da EFA sinala que este ano tivo unhas especiais condicións climáticas de seca (coa metade da choiva acumulada habitual na nosa zona) e temperaturas anormalmente elevadas, o que favoreceu o adianto nos ciclos dalgunhas pragas como é o caso da procesionaria do piñeiro. De feito, destacan que se na campaña pasada xa se detectaran procesións de enterramento a primeiros de xaneiro, este ano o adianto aínda é maior, pois xa se están a producir nalgunhas zonas.

A bióloga Rosa Pérez lembra que as eirugas da procesionaria posúen pelos urticantes que liberan cando se senten ameazadas, e que poden producir reaccións alérxicas e inflamatorias: urticarias e dermatites, conxuntivites, diversos síntomas respiratorios e, no caso de persoas moi sensibles, mesmo reaccións anafilácticas. Algúns destes síntomas aparecen de xeito inmediato e outros adoitan aparecer horas despois pero persisten varios días. Tamén os cans pódense ver afectados con lesións e inflamacións nalgúns casos graves nos tecidos da lingua e da boca, e incluso necrose.

Debido a que non é imprescindible o contacto directo coas eirugas para que poidan producir estes efectos, desde a EFA advírtese da necesidade de ter coidado ao pasear por parques ou xardíns con presenza de piñeiros con bolsóns, sinalando que baixo ningún concepto se deben tocar as eirugas. Ademais, a técnica Rosa Pérez indica que nos ambientes máis sensibles como os parques urbanos públicos ou privados e as escolas "é conveniente eliminar canto antes e destruír os bolsóns –sempre utilizando as proteccións necesarias para evitar o contacto cos pelos– e promover, mediante a instalación de aniñadoiros, a presenza de aves insectívoras".

En calquera caso, se aínda non se empezaron a observar as procesións, pódense colocar barreiras cónicas nos troncos para evitar que as eirugas cheguen ao chan ou, se xa se miran no terreo, aplicar un insecticida piretroide para impedir que se enterren. En ambos casos é fundamental poñer equipos de protección persoal para previr problemas.


Outras novas

Cine

13 decembro 2017, facultade, ciencias sociais, ciencias sociales, facultad
Xurado Otero Pedraio

12 decembro 2017, premios, muller, otero pedraio
Presentación do calendario solidario "Sorrisos que contaxian"

12 decembro 2017, calendario, solidario, deleción 1p36