Noticias
Aposta ao Verde

"Aposta ao verde" promove o sector agroforestal entre a xuventude da provincia

Oito centros educativos de Cangas, As Neves, Pontevedra, Silleda e Vigo acolleron dez accións formativas, enmarcadas nos proxectos "DepoEmprende na ESO e na FP", para promover un medio rural sustentable


07 decembro 2017

A Deputación de Pontevedra organizou en oito centros educativos da provincia dez charlas formativas destinadas a promocionar o sector agroforestal e a explicar as potencialidades que pode ter este sector como oportunidade laboral. En total, participaron nestas accións formativas máis de 500 mozas e mozos de centros educativos dos concellos de Cangas (IES Rodeira), As Neves (EFA Cancela), Pontevedra (IES Luis Seoane e CFEA Lourizán), Silleda (IES Pintor Colmeiro) e Vigo (IES A Guía, IES Ricardo Mella e IES Daniel Castelao) que están a participar nos programas de "DepoEmprende na ESO e na FP".

"Aposta ao verde", enmarcado no proxecto de fomento da cultura emprendedora "DepoEmprende na ESO e na FP", impulsado pola Deputación de Pontevedra, serviu como unha acción de difusión e divulgación do sector agroforestal como motor económico para o desenvolvemento dun medio rural sustentable na provincia. Así, durante unha hora, as mozas e mozos coñeceron a situación actual do sector agroforestal da comarca na que se atopa o centro educativo no que estudan e as potencialidades do sector en termos económicos e de emprego. Ademais, tamén puideron coñecer, de primeira man, "plans de viabilidade tipo" para os diferentes tipos de actividade, analizando exemplos concretos o máis próximos posibles de casos reais de profesionais que viven hoxe en día desta actividade.

Para a Deputación de Pontevedra resulta fundamental que desde as administracións públicas se impulsen accións formativas como "Aposta ao verde", co obxectivo de adoptar un papel de verdadeiros promotores para favorecer que o rural da provincia de Pontevedra recupere poboación e emprego.

Fotos


Outras novas

Cine

13 decembro 2017, facultade, ciencias sociais, ciencias sociales, facultad
Xurado Otero Pedraio

12 decembro 2017, premios, muller, otero pedraio
Presentación do calendario solidario "Sorrisos que contaxian"

12 decembro 2017, calendario, solidario, deleción 1p36