Noticias
As nosas Senlleiras

A exposición sobre árbores singulares remata a súa itinerancia en Vilaboa

A mostra, organizada ao abeiro do Ano do Patrimonio e en colaboración coa Estación Fitopatolóxica Areeiro, poderá visitarse na Casa da Cultura de Riomaior ata o 22 de decembro


06 decembro 2017

A exposición "As nosas senlleiras", organizada polo departamento provincial de Cultura e Lingua e a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra, foi inaugurada esta tarde na Casa da Cultura de Riomaior polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, pola tenente de alcalde da localidade, Ornela Fernández, e polas comisarias Carmen Salinero e Begoña Fernández Lorenzo. Convén lembrar que esta mostra, que poderá visitarse ata o 22 de decembro, pretende poñer en valor o importante patrimonio natural da provincia e dar a coñecer as características das árbores máis singulares.

No acto de apertura desta tarde, o deputado de Cultura e Lingua asegurou que "con esta mostra incluímos unha visión didáctica e accesible dun dos aspectos do noso patrimonio natural menos coñecido, como son as características das árbores singulares, a súa localización e a historia que as rodea". Xosé Leal manifestou que é fundamental poñer en valor estas "reliquias botánicas" desde as administracións, amosando toas as súas particularidades e achegándoas á sociedade "para que o seu coñecemento promova as axeitadas actitudes de conservación e defensa que corresponden ante un patrimonio desta magnitude."

Tamén descatou o papel da EFA, centro de investigación en materia forestal e agraria dependente da Deputación, que realiza periodicamente traballos sobre o estado destas árbores e que participou na coordinación técnica da exposición, ao tempo que facilitou o material botánico, composto por pequenas árbores que acompañan aos paneis.

A exposición inclúe 35 árbores seleccionadas que aparecen referenciadas de xeito individual, pero tamén se inclúe un mapa coas 48 árbores senlleiras e 9 formacións de 41 especies botánicas coas que a provincia de Pontevedra conta na actualidade. Teñen a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións que, polas súas características extraordinarias ou destacables –tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza–, son consideradas reliquias botánicas con valor natural, científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental e merecedoras de especial protección. Estas árbores singulares considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. Posúen, ademais, unha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato.

"As nosas senlleiras" iniciou a súa itinerancia en Lalín, onde puido visitarse no pazo de Liñares; en Moraña, na Casa da Cultura ADR Castelao; en Fornelos de Montes, no CEIP Doutor Suárez; e na Lama, no CEIP A Lama. Na Casa da Cultura de Riomaior de Vilaboa poderá visitarse de luns a venres en horario de 8:30 a 20:30 horas.


Novas relacionadas

As nosas senlleiras

08 setembro 2017, lalín, pazo de liñares, as nosas senlleiras, fitopatolóxico, fraga de catsasós

Outras novas

Cine

13 decembro 2017, facultade, ciencias sociais, ciencias sociales, facultad
Xurado Otero Pedraio

12 decembro 2017, premios, muller, otero pedraio
Presentación do calendario solidario "Sorrisos que contaxian"

12 decembro 2017, calendario, solidario, deleción 1p36