Noticias
Depo andainas

A Depoandaina de Soutomaior pecha o programa da Deputación con todas as prazas esgotadas

A ruta "de pedra e auga" terá lugar o próximo domingo e percorrerá sete quilómetros durante catro horas polo entorno do río Verdugo


11 outubro 2017

Con todas as prazas esgotadas, este próximo domingo, 15 de outubro celebrarase a DepoAndaina de Soutomaior, que porá punto e final o programa de sendeirismo organizado cada ano pola Deputación de Pontevedra. Nesta ocasión as e os participantes poderán percorrer a lendaria Ruta da Pedra e da Auga, que nos recorda épocas pasadas da nosa historia a través de construcións de pedra regadas pola auga dos ríos e dos regatos que as rodean.

A andaina, que comezará ás 09.30h e terá unha duración aproximada de catro horas, partirá do Castelo de Soutomaior e tras visitar o xardín botánico máis importante de Galicia a ruta dirixirase ao río Verdugo, deixando atrás a igrexa do Divino Salvador. Posteriormente avanzarase polo sendeiro que remonta o río e cruzarase a famosa ponte medieval de tres arcos: a ponte de Comboa. O camiño proseguirase ata chegar á praia fluvial que leva o mesmo nome, con todas as comodidades para facer un pequeno descanso.

Seguindo o sendeiro chegarase á ponte colgante do Verdugo, ao lugar coñecido como "Pozas das Bestas", onde poderán divisar restos de muíños xa derruídos debido ao paso do tempo. Para finalizar cruzarase cara ao Sobral para retornar ao castelo divisando leiras verdes e paisaxes típicas do rural galego.

No transcurso da ruta, que recorrerá unha distancia de 7,2 quilómetros, organizarase unha actividade de iniciación ao tiro con arco impartido por monitores especializados. Esta actividade permite o achegamento ao medio natural e non esixe condicións físicas especiais, polo que é moi apropiada para este programa.

O programa "Depo Andainas", que chegou este ano a súa segunda edición, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza medioambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.

Durante este 2017 o programa "Depo Andainas" xa percorreu co mesmo éxito de participación A Illa de Arousa-O Carreirón, o Sendeiro Natural de A Pastora-Umia en Cambados, As Salinas de Vilaboa e as Illas Cíes e o Camiño de Santiago entre Tui e O Porriño.