Cooperación transfronteiriza

Visit Río Minho

A proposta de actuación transfronteiriza que se presentou aos fondos europeos Poctep-Interreg V, a denominada Visit Río Miño, ten catro eixes de actuación.

O primeiro céntrase na mellora da preservación e interpretación dos grandes recursos naturais do val do Miño, cun inventario, cualificación e dixitalización dos recursos patrimoniais das marxes do río.

A segunda actuación céntrase na posta en marcha dun plan de expansión de sendeiros que precisan de intervencións para vertebrar o espazo común transfronteirizo como unha rede de recursos (fluviais, peonís ou para bicicletas...). Trátase de crear un conxunto de aneis conectados entre si nunha única infraestrutura, co tramo internacional do Miño como elemento central.

Como terceiro eixe da candidatura Visit Río Minho proponse un conxunto de accións para potenciar o valor económico do espazo común, coa promoción da creación de emprego e a dinamización dos axentes que actúan en cada rexión, coma pescadores, restaurantes, hoteis, asociacións deportivas ou empresas de animación, para ofrecer unha oferta integrada de servizos que poidan formar paquetes turísticos e de ocio, con especial fincapé no turismo de natureza, gastronomía (peixes e viños da zona), sempre nunha lóxica de sustentabilidade do sistema.

Por outra banda, como cuarto punto quérese crear unha marca transfronteiriza para o río Miño, de acordo co lema da Eurorrexión "Dous países, un destino".