Sete varas, un refaixo

"Sete varas, un refaixo"

Malia o menosprezo sufrido noutrora, o esquecemento, os inventos e as distorsións, a couza e as queimas, esta mostra probou que aínda non é tarde para o traxe tradicional, que está moi vivo e que, co pulo de cada un de nós, con ilusión e bo facer, conseguirá ocupar un lugar destacado na nosa historia.

Cunha escolma de traxes de diferentes clases sociais dos séculos XVIII e XIX e de distintas comarcas da Galiza puxemos en valor a nosa indumentaria tradicional e reivindicamos o seu papel como patrimonio inmaterial herdado das e dos devanceiros e vencellado á nosa cultura e identidade.

Así, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) tivo lugar, do 6 ao 9 de xuño, unha microexposición de traxe tradicional. Neste mesmo espazo desenvolveuse, o venres 9 de xuño, a mesa redonda "A indumentaria tradicional na actualidade". Finalmente, o Pazo provincial acolleu, o 10 de xuño, o desfile de traxe tradicional "Sete varas, un refaixo" (orde do desfile).

Gozamos de máis de corenta traxes de garda ou cerimonia, domingueiros ou de ir á vila, de loito e tamén de diario ou de faena. Algúns deles antigos, outros fieis reproducións froito de horas de estudo e investigación, realizados segundo os patróns orixinais con tecidos auténticos e coidando cada detalle, cada complemento e adobío.

Sete Espadelas

Vídeos

"Sete varas, un refaixo", primeiro gran desfile de traxe tradicional de Galicia no Pazo provincial

   


10-06-2017 Sete varas un refaixo. Desfile de traxe tradicional