Provincia Tonucci

Roteiros Tonucci-Migallas

Ademais da exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato", que se desenvolve no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 28 de abril e o 11 de xuño, a Deputación de Pontevedra organiza varias actividades complementarias para que os nenos e as nenas da provincia coñezan de primeira man un exemplo da Cidade dos Nenos e Nenas que defende nos seus libros: Pontevedra.

Para iso o grupo Migallas Teatro desenvolverá, durante os meses de maio e xuño, varios "roteiros Tonucci", nos que, a través de xogos e actividades, pequenos e pequenas de diferentes vilas da provincia gozarán das rúas e prazas da cidade de Pontevedra aproveitando os espazos públicos gañados ao coche.

Nestes roteiros, ademais de xogar, cantar e bailar, os rapaces e as rapazas realizarán o "consello dos nenos e nenas", no que debaterán como lles gustaría que fosen as súas vilas de orixe e despois transmitiranlles aos seus alcaldes as conclusións.

Está previsto que nestes "roteiros Tonucci" da Deputación participen escolares de Lalín, O Porriño, Pontevedra, Tomiño, Vilanova de Arousa, As Neves e Tui, entre outras localidades.

Roteiros