Plan Concellos 2016

Liñas e criterios

O Plan Concellos 2016 recolle os procedementos para conceder subvencións a 60 municipios da provincia para financiar actuacións e investimentos.

Os concellos poden escoller libremente os investimentos e as actuacións que desexen realizar, no marco das catro liñas que establece o plan. As propostas deben estar relacionadas coas materias que os municipios exercen como competencias propias ou, en todo caso, as atribuídas por delegación, de conformidade co artigo 7 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

O plan está dotado con 40 millóns de euros, dos cales 16 millóns se repartirán de forma lineal entre os concellos da provincia, de xeito que a cada un deles lle corresponde unha cantidade fixa de 266.000 euros. O importe restante, 24 millóns de euros, repartirase en función de tres criterios básicos: a poboación de cada concello, a súa superficie e os seus núcleos de poboación. Este último criterio pretende atender a dispersión da poboación e a dificultade de prestarlles servizo aos núcleos illados.

Así, establécense tres grupos de municipios: os concellos de menos de 10.000 habitantes, que contarán con 7,2 millóns de euros; os concellos de 10.000 a 20.000 habitantes, con 9,6 millóns; e os concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, que recibirán 7,2 millóns de euros. 

Cantidades que lle corresponden a cada concello por comarca:

  

Serán susceptibles de subvención as seguintes liñas:

Liña 1. Investimentos

Non se subvencionarán investimentos cun orzamento inferior a 20.000 euros (IVE incluído), agás no caso daquelas subministracións que constitúan un investimento por si mesmas; nese caso admitiranse orzamentos por un importe inferior. Estas subministracións poderán destinarse a instrumentos musicais, material turístico, deportivo, cultural e desfibriladores, entre outro tipo de material. O resto das subministracións (as que non constitúan un investimento por si mesmas), que representen a mellora ou a creación dun ben novo, deberán integrarse nun proxecto de investimento.

Os concellos encargaranse da redacción dos proxectos e asumirán o seu custo. De non o poder sufragar poderán incluílo dentro dos gastos do investimento solicitado, sempre que se xustifique de maneira motivada.

Liña 2. Amortización, pagamento de débedas e gastos correntes

Serán subvencionables as seguintes tipoloxías de gasto:

  • Amortización do endebedamento con entidades financeiras
  • Pagamento de débedas a acredores de investimentos
  • Pagamento de débedas a acredores de gastos correntes
  • Gasto corrente novo

Liña 3. Actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais

Son subvencionables as actividades que realicen directamente os concellos, sempre que teñan un orzamento mínimo de 1.000 euros (IVE incluído), se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do exercicio 2016 e se enmarquen nas seguintes tipoloxías:

  • Liña 3.1. Desenvolvemento cultural, educativo e social
  • Liña 3.2. Desenvolvemento e promoción do deporte
  • Liña 3.3. Desenvolvemento dos servizos sociais e mellora dos servizos sociais comunitarios, con especial atención ás situacións de emerxencia social, á igualdade, á axuda no fogar, á loita contra a violencia de xénero, á inclusión social, á atención á dependencia e ao apoio a colectivos e familias necesitadas
  • Liña 3.4. Desenvolvemento turístico, participación en eventos divulgativos en medios de comunicación, congresos e exposicións
  • Liña 3.5. Desenvolvemento e sensibilización medioambiental

Liña 4. Emprego para a conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais

Será subvencionable a contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos mínimos de competencia municipal de interese xeral e social. O número máximo de traballadores establécese en función do número de habitantes do concello: ata 2.000 habitantes, 14 traballadores; de 2.001 a 5.000 habitantes, 20 traballadores; de 5.001 a 10.000 habitantes, 24 traballadores; de 10.001 a 20.000 habitantes, 30 traballadores; e nos concellos de 20.001 a 50.000 habitantes establécese un máximo de 34 traballadores.

As axudas ou subvencións destinaranse a financiar a contratación laboral, en réxime de xornada parcial ou completa. Estas comprenden o custo salarial e a cotización á Seguridade Social de persoas desempregadas. Os concellos poderán complementar a cantidade necesaria ata acadar os salarios correspondentes en función da categoría profesional. Para realizar a selección daráselles preferencia, por esta orde, aos seguintes candidatos:

  • Vítimas de violencia de xénero
  • Maiores de 45 anos
  • Persoas que formen unha familia monoparental con fillos ao seu cargo
  • Persoas con niveis de renda máis baixa
  • Persoas con cargas familiares

Contía por liñas

Cada concello pode distribuír as contías individuais segundo as súas necesidades, con cargo ás distintas liñas de subvención e segundo os límites establecidos nas bases.

Con cargo á liña de subvención 1 os concellos poden solicitar desde o 58,75 % (é dicir, un importe mínimo para esta liña de 23.500.000 euros) ata o 100 % da contía máxima que lles corresponda con cargo ao plan.

Para as liñas de subvención 2, 3 e 4 cada concello poderá destinar unha porcentaxe máxima sobre a contía individual asignada, de acordo coa seguinte distribución: na liña 2 un 15 % (ata un máximo de 6 millóns de euros), na liña 3 un 3,75 % (ata un máximo de 1,5 millóns de euros) e na liña 4 un 22,5 % (ata un máximo de 9 millóns de euros).

No caso de que non se solicite o 100 % dos importes máximos destinados ás liñas de subvención 2, 3 e 4, o importe restante non concedido incrementará o importe dispoñible para a liña de subvención 1 ata o límite máximo para o conxunto do plan, 40.000.000 de euros. Non obstante, o importe da liña 1 non se poderá destinar ás liñas 2, 3 e 4.