Revitaliza Plan compost

Que é a compostaxe?

A compostaxe é a maneira de converter os restos de comida e vexetais en fertilizante natural. Para compostar é preciso mesturar o lixo orgánico con restos leñosos e secos de podas, serraduras, follas… A transformación pódese realizar en calquera casa ou zona comunitaria mediante un composteiro, sen ningún tipo de mecanismo nin gasto de mantemento. Non esixe máis que o desexo de facelo e, en tempo, uns dez minutos á semana. O lixo diario que se xera nos fogares contén  un 53 % de materia orgánica que pode ser reciclada e retornada á terra en forma de humus para plantas e cultivos. De cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense entre 10 e 15 quilos de compost.

Vantaxes da compostaxe

Aforramos en fertilizantes. Ao facer compost cos nosos restos non necesitamos comprar fertilizantes nin substratos, xa que os teremos na casa gratis e serán de gran calidade (sen elementos químicos).

Aforramos na recollida do lixo. Estímase que entre o 40 e o 50 % dunha bolsa de lixo doméstico está formada por refugallos orgánicos. É un gasto absurdo pagar para que se recollan, trasladen e amontoen para que podrezan ou ardan –moitas veces a decenas de quilómetros– cando se poden transformar nun rico fertilizante na nosa propia casa ou contorno inmediato co consecuente aforro. Tan só polo feito de que todo ese lixo non teña que ser recollido no circuíto convencional, estímase que a implantación da compostaxe comunitaria aforraríalles aos concellos ata uns 40-45 euros por familia e ano. Este abaratamento suporía que os gobernos municipais poderían dispor dunha maior liquidez para destinar a outros fins. Nestes momentos o tratamento do lixo é un servizo moi deficitario xa que o cobro das taxas á cidadanía, en moitos casos, non chega a acadar nin o 50 % do seu custo real.

Contribuímos a reducir a contaminación. Canto máis preto aproveitamos os restos orgánicos máis se reduce o consumo de combustibles para o transporte, hai menos acumulación de refugallos en vertedoiros e contribuímos a unha notable redución de substancias tóxicas e gases nocivos. Tamén evitamos a contaminación producida ao queimalos.

Melloramos a saúde da terra e das plantas. O compost obtido dos nosos refugallos orgánicos pódese empregar para mellorar e fortalecer o solo do céspede, dos arbustos, das árbores e da horta, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á de substancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que compramos. O compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e, en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos solos, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.

Melloramos a reciclaxe do resto de materiais do lixo. Separar as diferentes fraccións do lixo na casa fai que tomemos consciencia de todo o que tiramos e que reduzamos a cantidade de residuos que xeramos. Así mesmo, está demostrado que as familias que participan nas campañas de reciclaxe e separan correctamente a parte orgánica melloran tamén as ratios de separación de envases, cartón e vidro. 

Enlaces

Descargas