Entidades locales menores

Morgadáns

A parroquia de Santiago de Morgadáns pertence ó concello de Gondomar. Ten unha superficie de 1.530 hectáreas nas que residen 1.158 veciños. Consta dos seguintes lugares: A Abelosa, Baralla, A Batizosa, O Camiño Branco, O Carballás, A Carballeira, Os Eidos de Abaixo, As Entreviñas, Ervillás, Gonda, Guillulfe, Gulfar, O Lago, Murxido, Os Padróns, A Pedra, O Picouso, Prado, San Roque, Vilas, Viñó e Xende.

Durante o Antigo Réxime esta parroquia pertencía á xurisdición real de Baiona. Despois da Constitución de Cádiz e nos breves períodos liberais posteriores funcionou como concello propio ata que foi incluído no concello de Gondomar, cando se levou a cabo a configuración definitiva dos concellos constitucionais en 1836. Hai constancia de que en 1844 os veciños de Morgadáns cos de Chaín pedían formar un concello propio con capital en San Roque de Morgadáns, pero foi un intento infrutuoso.

A parroquia de Morgadáns constitúese como Entidade local menor o 7 de agosto de 1932 coa consideración de "pobo agregado", de acordo coa Lei municipal de 1877, pois a corporación de Gondomar previamente decidira non ter en conta o Estatuto municipal de 1924. A entidade suspende as súas actividades debido á guerra civil española e non as retoma ata 1955.

Ten a súa sede no lugar da Pedra e unha das súas funcións máis importantes é xestionar os montes, entre os que destacan o monte Galiñeiro e o monte Caldeirón.

Enlaces