Masat

100 anos de historia arqueolóxica de Galicia do MASAT

Hoxe, 27 de xullo, inaugúrase a exposición que conmemora o centenario do museo MASAT na Guarda. Levantado a partir dos primeiros xacementos, reunidos por artífices coma o secretario da asociación, Pacífico Rodríguez Rodríguez, cómpre destacar neste labor a creación do primeiro museo arqueolóxico de Galicia, concretamente sobre os antigos moradores das rexións do norte e galegas da Idade de Ferro e Bronce, a cultura castrexa.

Non todos os proxectos conseguen cumprir 100 anos. Por iso se creou esta exposición conmemorativa, cunha selección específica de materiais que o público poderá gozar ata o 27 de agosto deste mesmo ano.

Cun formato aberto ao turismo familiar, as persoas visitantes poderán mergullarse na exposición para coñecer de preto a historia do museo, dividida neste caso en tres apartados.

Por unha banda, rememorarase a orixe da súa creación grazas á Sociedade Pro-Monte, co impulso realizado polos indianos que regresaron de América, e mostrarase a evolución do museo xunto ao crecemento da localidade da Guarda e dos seus habitantes.

Por outra banda, mostrarase o desenvolvemento das diferentes campañas arqueolóxicas levadas a cabo durante todo este tempo. Así mesmo, exhibiranse pezas seleccionadas especialmente para esta exposición que non están presentes no museo permanente (ánforas, esculturas, cerámicas e outras artesanías de orixe castrexa).

Por último, presentaranse as diferentes perspectivas sobre o camiño que vai seguir o museo MASAT e a súa posición xunto ao monte Trega como faro de coñecemento da Idade de Ferro na provincia de Pontevedra. Neste apartado converxerá co resto de xacementos castrexos máis relevantes da provincia, coma os castros de Troña, Taboexa, A Cabeciña, O Facho, Alobre, Castrolandín e A Lanzada, os cales cederon algunhas pezas para a ocasión.

Un evento para que mozas, mozos e adultos non só aprecien os descubrimentos máis recentes das últimas escavacións de 2015 e 2016, entre os que destaca O Cabezó do Trega e a sigillata dun fauno, senón que gocen da arqueoloxía das Rías Baixas e se acheguen á propia historia de Galicia.

Galería de imaxes