A Deputación de Pontevedra créase a partir do Real decreto de 21 de setembro de 1835 e na acta do 12 de febreiro de 1836 consta o seu nacemento como Administración á que lle corresponde o goberno, administración e prosperidade da provincia.

Pontevedra, aínda sendo a menor das catro provincias galegas, conta coa maior poboación relativa de toda Galicia, repartida entre os 62 concellos que a forman.

Desde 1836 a Deputación centra a súa actividade principalmente en tres accións: administrativa, económica e técnica, todas e cada unha delas necesarias para que a institución acade o bo goberno económico e político da provincia. A súa base electoral radica nos trece partidos xudiciais que, á súa vez, se agrupan en sete xuntas electorais.

A Deputación é unha institución que ten como función principal asesorar ós concellos pequenos e con menos recursos pero tamén se lles ofrecen servizos directos ós cidadáns e ás empresas.

Das funcións exercidas nun principio en sanidade, beneficencia e educación foise pasando a outras coma fomentar as novas tecnoloxías ou impulsar as políticas ambientais e mantendo, paralelamente ó longo dos anos, a asistencia xurídica, técnica e social ás entidades locais da provincia.