Na procura do refuxio

Exodus

Éxodus: Na procura do refuxio é a exposición que dende o 29 de abril ata o 10 de xuño de 2016 se exhibe no Pazo provincial da Deputación. Esta mostra reflicte a ollada dos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago. As fotografías, realizadas entre setembro e outubro de 2015, documentan as vivencias dos refuxiados que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa.

Europa enfróntase á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25 % eran menores e ao redor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades; a súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz.

Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade.

En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.


 

BIOGRAFÍAS

Felipe Carnotto (Sao Paulo, 1986) é un fotógrafo independente licenciado en Comunicación Audiovisual pola UPSA de Salamanca.

As súas fotografías exploran o mundo desde unha perspectiva documental e de autor plasmando os grandes acontecementos do século XXI. Viaxa cara a ruta dos refuxiados para ser testemuña do que acontece. Desprázase tamén a Nicaragua, onde elabora o traballo El asesino silencioso de Latinoamérica, que publica El País, sobre as comunidades máis pobres de Nicaragua e a incidencia do mal de Chagas.

O seu traballo publícase en The Guardian, Der Spiegel, El País, ABC, Interviú, Sermos Galiza... Acada o posto de honra no IPA Awards e gaña o concurso "Imaxes con fondo" do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Adrián Irago (Vigo, 1987) é reporteiro gráfico desde 2009 especializado no fotoperiodismo e a edición multimedia, é licenciado en Comunicación Audiovisual pola UPSA (2010) e cursou o Máster Internacional de Fotografía Documental na Escola EFTI en Madrid.

Os seus traballos céntranse na cultura, na antropoloxía e en temas de interese humano. Entre eles, Los hombres que domaban a las bestias, obtén o Premio Nacional de Fotoperiodismo pola Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa e Televisión (ANIGPyTV) en 2012, cunha imaxe da rapa das bestas de Sabucedo. Destaca tamén a súa cobertura dos desafiuzamentos en Madrid, o tradicional rito dos "Picaos" na Rioxa, ou a recente crise dos refuxiados en Europa.

A súa carreira arrancou como cámara de televisión e pronto se decanta pola fotografía como medio de expresión artística. En 2012 trasládase a Madrid, onde obtén o Máster Internacional de Fotografía Documental na escola EFTI e comeza a colaborar coa axencia de noticias e reportaxes internacionais Contacto, o que o leva a publicar en medios internacionais e nacionais, así como na produtora Calamar2 e outros medios locais de Vigo e Salamanca. Algunhas das súas obras forman parte da colección privada da escola EFTI en Madrid e do Concello de Salamanca. Actualmente desenvolve o seu traballo como fotógrafo no xornal Faro de Vigo.