Noticias
Campionato de Kung Fu

325 participantes daranse cita este domingo no IV Campionato Ibérico De Kung Fu Eurocidade

Comezará ás 10.30h no pavillón municipal de Tui


20 xuño 2017
Tui

O pavillón de deportes de Tui, acollerá este domingo, 25 de xuño, dende ás 10.30h o IV Campionato Ibérico de Kung Fu Moderno e Tradicional Eurocidade. Organizado polo Club Di Som Tui e a Federación Galega de Kung Fu coa colaboración do Concello de Tui. No mesmo daranse cita 325 participantes tanto de Galicia coma de Portugal cun alto nivel, estando presentes tanto campións de España coma de Portugal, e tamén a nivel europeo. Agárdase, tendo en conta a experiencia de anos anteriores, que máis de 1.500 persoas se acheguen ata o pavillón durante as dúas horas previstas de competición.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá na casa do concello a cargo do concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón Rey, os responsables de deportes de Tui e Valença, Laureano Alonso e José Monte, o presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, o responsable de Kung Fu Moderno, José Antonio Parada,  e o director técnico do campionato, Eduardo Méndez Sanjurjo.

Laureano Alonso, concelleiro de Deportes de Tui, salientou a intensa axenda deportiva desenvolvida entre os dous municipios sinalando a repercusión positiva que eventos coma o deste domingo teñen no turismo da Eurocidade. No mesmo senso pronunciouse o vereador de Desporto de Valença, José Monte, quen salientou a continuidade do proxecto deportivo posto en marcha pola Eurocidade, augurando un éxito de asistencia ao pavillón este domingo. Mentres o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón Rey, salientou a aposta polo deporte vinculado á saúde e tamén á competición.

Carlos Alonso, o presidente da Federación Galega de Kung Fu, indicou que o sistema de competición deste campionato garante o seu éxito tanto de participantes coma de público. Afirmou que esta cuarta edición supón a consolidación desta proba.  José Antonio Parada, responsable de Kung Fu Moderno, explicou que nesta modalidade haberá oito categorías en competición, mentres Eduardo Méndez Sanjurjo, director técnico, deu conta da espectacularidade desta competición ao realizarse de xeito simultáneo varias probas de combinación de movementos libres, defensa persoal simulada, tao... A entrada será gratuíta.