Noticias
Festa gastronomica do 2016

Ponte Caldelas prepara a II Festa Gastronómica da Emigración, que chega esta fin de semana

O Goberno local dá un matiz solidario á celebración e amplía a capacidade instalando 1.200 cadeiras na Alameda


03 xullo 2017

A segunda Festa Gastronómica da Emigración chega esta fin de semana á Alameda de Ponte Caldelas con formato mellorado e co difícil obxectivo de superar, ou cando menos manter, as cifras acadadas o pasado ano coa súa estrea. O Concello está a pechar todos os detalles da organización dun evento no que haberá 12 propostas culinarias dos países relacionados coa emigración galega ao prezo único de 5 euros.

A principal novidade  deste ano está na reorganización das datas, pois pásase do formato de sábado e domingo, a outro que arrinca coa cea deste venres, día 7, abrangue xantar e cea de sábado, e remata co xantar do domingo. Unha reestruturación que se produce a proposta dos propios hostaleiros e para tirar o máximo partido da fin de semana. Ademais, óptase por introducir un matiz de solidariedade a través da entrada de Cáritas.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) dá preferencia á hostalería local para ocupar os stands de comida e só en caso de que non se cubra a gastronomía dun país concreto ou por existencia de vacantes abre as portas aos establecementos de fóra. Así, a pesar de que houbo moitas solicitudes chegadas dende fóra de Ponte Caldelas, tan só se admitiu (ao igual que o ano pasado) ao mesón Porteliña (Poio), que ofrecerá un rodicio brasileiro. O resto da proposta está integrada polos locais Alalá (gastronomía venezolana), Verdugolandia (cun prato uruguaio), Klimbin (que presentará unha feixoada brasileira), O Recanto (cun "hot dog" de Estados Unidos), o Mesón Mexicano de Tourón (México) e dúas panadarías locais (Acuña e Pecas), con todo tipo de postres  e empanadas, xunto cun posto de polbo á feira, representando á propia gastronomía galega. A asociación cultural de Chaín preparará callos (cociña galega) a agrupación cultural "Aires del Norte y Olé" ofrecerá pratos de xamón ibérico, con pan e viño. O enfoque solidario chega coa presenza de voluntarios de Cáritas de Ponte Caldelas que elaborarán unha paella (gastronomía española). Todos os beneficios que obteñan terán un destino social. Unha metade destinarase a proxectos e programas destinados aos inmigrantes e a outra metade será doada a Cáritas Venezuela.

Ademais do pracer gastronómico, a Festa da Emigración é tamén un evento cultural e social, que se redondea coa actuación dun grupo de batucada brasileira e polas roldas que, para amenizar as veladas nocturnas, realizarán dous grupos de mariachis.

O Concello dá por feito que se acadará a ocupación total da Alameda, como xa sucedeu o ano pasado. Sen embargo, en previsión do acaecido na estrea deste certame xa se conta coa instalación de 1.200 cadeiras (400 máis) que darán capacidade suficiente para atender a demanda.

A Festa Gastronómica da Emigración é un formato orixinal do actual Goberno municipal que arrancou coa visita dunhas 10.000 persoas en 2016 e supuxo a venda de 6.300 racións de comida  representativa dos diferentes países da emigración. Ponte Caldelas rexistrou a visita de persoas chegadas non só da contorna, senón de  Pontevedra e Vigo, e resultou tamén moi notoria a presenza de estranxeiros e emigrantes que aproveitaron esta fin de semana para redondear as súas vacacións.

Unha enquisa entre os establecementos de restauración participantes o ano pasado demostrou que a satisfacción foi total, pois todos superaron amplamente as súas expectativas. O impacto económico xerado foi estimado por enriba dos 50.000 euros. Ademais, quedou acreditado un importante  efecto positivo sobre a totalidade da hostalería local, que resultou moi beneficiada por esta iniciativa municipal.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións