Noticias
Obras

Ponte Caldelas acometerá unha ducia de obras para mellorar a estrada de Barbudo e camiños municipais

O Concello adxudica un contrato valorado en preto de 150.000 euros para solucionar deficiencias nos accesos a zonas moi poboadas


22 xuño 2017
Ponte Caldelas

Os accesos a unha ducia de lugares do municipio de Ponte Caldelas serán mellorados coa execución dun completo programa de obras. O Concello vén de adxudicar un contrato, valorado nuns 150.000 euros, que vai supor un importante cambio no estado da rede municipal de estradas nalgúns dos seus puntos máis problemáticos.

O procedemento de adxudicación rematou as semanas pasadas coa adxudicación á empresa Caldevergazo. Ao procedemento competitivo concorreron un total de 11 empresas e a adxudicataria presentou a mellor oferta, tanto en cantidade de aglomerado asfáltico como no importe das melloras ofrecidas.

A licitación partiu cun prezo tipo de 122.463,41 euros que se traduciu finalmente nunha oferta gañadora que engade máis de 12.000 euros en actuacións adicionais.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) priorizou nesta licitación os accesos a vivendas en diversas parroquias e tamén o remate da estrada de Barbudo, que dá acceso ao encoro de As Eiras e que quedou parcialmente remozada o pasado ano. Esta pista, na que agora vaise asfaltar case un quilómetro e medio máis, constitúe unha das saídas naturais do municipio cara Fornelos de Montes e, por tanto, cara os centros de traballo situados na área de Porriño e Vigo.

Porén, o obxectivo principal desta licitación conxunta é maximizar a rendibilidade do investimento municipal cos cartos dispoñibles e asfaltar  o maior número posible de accesos a vivendas. Queda así garantida a realización de obras en diversos camiños situados en Caritel, Avecil, Rebordelo, A Reigosa e outros dous en A Fraga. Ao mesmo tempo mellorarase o firme no acceso a Coveliño, na estrada ao Verdugo desde Parada e, finalmente, na mencionada estrada de Barbudo. A última actuación a executar será unha nova senda peonil en Rebordelo.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que o criterio principal é resolver problemas de accesibilidade a vivendas que, nalgúns casos, levan moitos anos en mal estado. Un problema que se agrava nos casos de vivendas nas que reside xente maior con accesos moi complicados para  vehículos de emerxencias.

O rexedor lamenta a lentitude desta licitación a causa da obriga de solicitar autorización previa de Augas de Galicia pola proximidade dalgúns regatos. O permiso tardou nove meses en chegar ao Concello. No futuro, anuncia, separaranse as obras dependentes de permisos sectoriais dos distintos órganos da Xunta de Galicia nos procedementos de licitación conxunta para non prexudicar ao conxunto da veciñanza.


Outras novas

Estrada provincial Barro

17 outubro 2017, carmela silva, uxío benítez, mobilidade, barro, deputación de pontevedra, ep-0505
Plan Concellos 2017

15 octubre 2017, plan concellos 2017, vilagarcia de arousa