Noticias
Ponte Caldelas Arco Florido

Os veciños de Silvoso renovan a tradición erguendo o arco floral para a procesión da Purísima Concepción

A estrutura, que alcanza os 8 metros de altura, quedou encaixada na entrada á igrexa


24 xuño 2017

As escaleiras de entrada ao adro da igrexa de Silvoso locen, dende onte, un espectacular arco floral de 8 metros de altura elaborado polos veciños. A estrutura quedou colocada hoxe nas súas anclaxes despois dun importante esforzo no que os participantes combinaron forza con destreza.

A tradición do arco floral de Silvoso, que se instala días antes da procesión da Purísima Concepción (mañá domingo, 25 de xuño), pérdese nos tempos. Os veciños aseguran que herdárona dos seus avós e estes, á súa vez, dos seus pais. Ninguén sabe precisar dende cando se mantén este costume popular. Así, mentres en moitos lugares de Galicia son tradicionais as alfombras florais (entre eles a propia parroquia de A Insua á que pertence Silvoso), non hai constancia doutro sitio no que se monte un arco parecido na entrada á igrexa.

O traballo comeza coa recolección das flores, que fundamentalmente son hortensias, margaritas e gladiolos. Cada barrio ocúpase dunha parte, con especial esmero para o cáliz e a hostia da parte central. Toda a estrutura vai coroada cunhas polas de piñeiro, das que penduran as bandeiras de Galicia e de España. O encaixe final, o traslado e a montaxe levaron toda a tarde de onte, venres.

Antigamente a estrutura do arco facíase de varas, fundamentalmente de eucalipto, pero este ano estrearon unha, moito máis lixeira e funcional, elaborada en aluminio. Iso si, adecuadamente forrada de buxo para ofrecer un aspecto impecable.

Ao acto de colocación do arco, que se fixo coa axuda dunhas cordas, asistiu o alcalde, Andrés Díaz. En nome de todo o grupo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) felicitou á veciñanza por manter viva esta tradición tan singular.

Mañá domingo, en torno ao mediodía, será o día solemne, coa procesión que rematará pasando baixo o arco florido e na que participan os santos das igrexas de Silvoso e da Insua, que conflúen uns metros antes, portadas aos ombreiros dos propios veciños.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións