Noticias
Recollida da bandeira azul

O Goberno local recibe a bandeira azul da praia da Calzada e prepara o inicio da temporada de baño

O kiosko xa está aberto, os socorristas a piques de contratarse e as últimas reparacións no mobiliario urbano estarán nunha semana


20 xuño 2017

O Concello de Ponte Caldelas xa ten no seu poder a bandeira azul que o próximo 1 de xullo izará na praia azul da Calzada, a única de España de interior con este distintivo. O recoñecemento é tamén extensivo ao sendeiro azul, ao que corresponde o mesmo honor. O alcalde, Andrés Díaz, recolleu a bandeira nun acto celebrado antonte en Baiona.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está a rematar estes días os últimos preparativos. Mañá mesmo desenvólvese a última fase do procedemento de  selección dos tres socorristas que garantirán unha  atención permanente.

O kiosko da praia, que o ano pasado funcionou cunha autorización provisional despois do remate da anterior concesión en precario, quedou agora  adxudicado definitivamente por dous anos prorrogables. A instalación xa está aberta dende hai algúns días, o que supón unha importante mellora na atención aos bañistas que xa comezan a achegarse, aproveitando a vaga de calor.

Os operarios municipais rematarán nos próximos días a reparación cun lixado e vernizado de todos os grupos de mesas e bancos, así como dunha pasarela de madeira que presenta algúns danos. O acondicionamento esténdese tamén a unha revisión completa do sendeiro azul, que mide 8,5 Km e posibilita unha ruta circular de singular beleza polas beiras do río Verdugo ata os célebres pasos da Fraga.

A bandeira, concedida pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) no ano 2014, é un recoñecemento ao esforzo de mantemento deste espazo natural e, dende entón, conseguiuse revalidar todos os anos. Nesta edición, cómpre subliñar que ao mantemento propiamente dito da praia súmase a importante mellora no paseo da Calzada realizada polo Goberno local. O acceso, que estaba nun estado deplorable, quedou agora perfectamente asfaltado e dotado dun carril-bici e de badéns redutores de velocidade. Os tramos máis estreitos desta vía municipal foron ampliados con acordos cos veciños, que cederon a cambio da construción do muro de peche ou remate das súas propiedades. O resultado está ben á vista e foi moi valorado pola veciñanza.

O esforzo do Concello complementarase tamén este ano coa organización dun curso específico gratuíto e aberto ao público para prevención de afogamentos, en colaboración con ADEAC e a fundación Mapfre.


Outras novas

DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións
Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende