Noticias
Firma en Ponte Caldelas

O Concello subvenciona as actividades escolares do colexio de A Reigosa

O Goberno local reitera a súa vontade de colaboración para ampliar o ximnasio e dotar de comedor ao centro


07 xullo 2017

O colexio público de A Reigosa realizará actividades escolares ao longo deste curso grazas á colaboración económica do Concello de Ponte Caldelas. O alcalde, Andrés Díaz, e a directora, Concepción Otero, asinaron o convenio de colaboración, por valor de 1.000 euros, para sufragar estas iniciativas.

O convenio asinado permite dispoñer dos fondos necesarios para a organización de actividades en horario escolar que complementan a formación do alumnado. O Concello, por outra banda, mantén unha colaboración estable coa ANPA, para a organización das actividades extraescolares.

O Concello incrementou un 60% as subvencións que outorga á comunidade educativa en forma de axudas aos centros públicos (A Reigosa, Cordo Boullosa e instituto de Ponte Caldelas) e tamén as ANPA. O reparto total achégase aos 11.000 euros.

O Goberno local de Ponte Caldelas, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, aproveita para recalcar a súa dispoñibilidade para falar coa Consellería de Educación da necesaria e urxente ampliación do ximnasio do centro, aínda que non se trata dunha competencia municipal, pois ao Concello só lle competen legalmente as obras de mantemento ordinario e conservación. Ao mesmo tempo, volve expresar a súa dispoñibilidade para colaborar tamén na construción do comedor escolar, moi demandado polo colectivo de nais e pais.

Ponte Caldelas, na súa vontade de colaboración, xa chegou o pasado ano a asumir a redacción dun proxecto arquitectónico e a comprometerse a financiar estas obras ao 50%. A pesar disto, a Consellería de Educación desbotou a obra para acabar anunciando a redacción dun novo proxecto, a cargo dos técnicos de Educación, que non acaba de concretarse.

O alcalde volve indicar que dá igual que a Consellería de Educación estea a financiar ao 100% este tipo de obras, como é a súa competencia, nos concellos onde goberna o PP. Ponte Caldelas pon os intereses dos veciños por diante de calquera discrepancia política ou administrativa, polo que mantén en pé a súa oferta de cooperar "na medida das posibilidades dun concello do seu tamaño".


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións