Noticias
Alcalde de Pontecaldelas observando a pavimentación de Avecil

O Concello pavimenta parte do núcleo de Avecil mellorando a accesibilidade dunha ducia de vivendas

As obras corrixiron unha curva e facilitaron o paso cara a pequena praza que distribúe o tráfico


10 agosto 2017
Ponte Caldelas

O núcleo de Avecil, a escasos metros de Cuñas e do centro urbano de Ponte Caldelas tamén beneficiouse do plan de mellora dos accesos que está a acometer o Concello ao longo deste verán. Unha xeira de pavimentacións por todo o rural do municipio, aproveitando o bo tempo e corrixindo un abandono que viña de moitos anos atrás.

A obra centrouse na primeira baixada a Avecil dende a pista principal. Un tramo de máis de 300 metros que é utilizado por moitos veciños, pois na zona están situadas máis dunha ducia de vivendas, incluída unha con uso turístico que vén de ser completamente rehabilitada, o que está a incrementar notablemente o tráfico rodado.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou os traballos e conversou cos veciños, que levaban tempo demandando esta actuación. A zona ten as súas complicacións, pois consiste nunha rede de camiños, algúns deles bastante estreitos e non sempre é fácil que as máquinas traballen coa amplitude necesaria. A principal mellora realizouse na pequena praza, o espazo asfaltado que serve de distribuidor entre varios camiños radiais. Alí entrábase cunha curva mal deseñada e na que se acumulaban augas pluviais. Corrixiuse  a pendente, aplicando unha grosa capa de aglomerado en quente, e mellorouse a drenaxe do tubo de recollida. Tamén quedou completamente pavimentado un camiño estreito que contaba cun vello firme de formigón, no que foi necesario picar algunhas partes para ofrecer unha nova capa de rodadura asfáltica perfectamente nivelada.

A mellora serviu, finalmente, para colocar varias grellas en toda a zona evitando que as augas de choiva se volvan acumular nos puntos máis baixos e facilitar así non só a circulación rodada, senón o tránsito peonil.

O Goberno local, no que participan os grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, ten tamén previsto mellorar a outra baixada principal a Avecil, situada algúns metros máis adiante e seguir avanzando así a reforma da rede viaria de toda esta contorna.


Outras novas

Estrada provincial Barro

17 outubro 2017, carmela silva, uxío benítez, mobilidade, barro, deputación de pontevedra, ep-0505
Plan Concellos 2017

15 octubre 2017, plan concellos 2017, vilagarcia de arousa