Noticias
Reunión para a acollida de nenos/as saharauis en vacacións

O Concello de Ponte Caldelas colaborará para traer nenos/as saharauis de vacacións

O Goberno local recibe ás dúas familias que acollen este ano e estreita lazos coa asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui


21 xullo 2017

O Concello de Ponte Caldelas dá un paso máis na súa aposta polo reforzamento das políticas sociais e incluirá, entre as súas liñas  de  actuación, a colaboración económica cos gastos de desprazamento dos nenos  e nenas saharauis que pasan as vacacións en Galicia da man da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS).

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) xa mantiña contactos con este colectivo, pero agora formalizaranse a través da sinatura dun convenio formal. O alcalde, Andrés Díaz, recibiu onte ás dúas nenas que xa están en Ponte Caldelas, Tutu e Haria, así como ás familias acolledoras. Con eles estivo tamén Patricia Amoedo, delegada de zona.

O municipio, despois de varios anos sen participar nesta iniciativa solidaria, volve este ano coa estadía destas dúas rapazas, unha cifra que se aspira a manter e mesmo incrementar en anos sucesivos. Ámbalas dúas teñen 11 anos e o programa céntrase nos rapaces que van dos 8 aos 12 anos, polo que, previsiblemente, volverán o ano próximo.

SOGAPS trae a Galicia a un total de 325 pequenos e pequenas dende os campamentos arxelinos onde viven en condicións moi precarias. Os gastos do avión son moi elevados, pois só está dispoñible o aeroporto militar de Tinduf, onde opera unha única compañía. Este  ano, por primeira vez, a Xunta de Galicia decidiu colaborar asumindo u custo dun avión. Poucos concellos manteñen unha colaboración estable, polo que a asociación vese obrigada a organizar actividades para recadar fondos.

Andrés Díaz adiantou a vontade do Concello para arrimar o ombreiro e felicitou expresamente a Cali e a Belén e Manolo, os integrantes das dúas familias caldeláns que están a acoller ás nenas refuxiadas saharauis. Tamén eles tomaron a palabra para expresar o enriquecemento mutuo que supón esta experiencia que, insistiron, é moi recomendable. Non dubidaron en animar a todas as familias interesadas a sumarse en anos vindeiros. A parella ten tamén dous fillos, que gozan así dunha oportunidade educativa de primeiro orde, ao convivir durante dous meses cunha rapaza da súa idade que chega dun campamento humanitario no deserto e que carece dos bens e servizos máis elementais.

A xornada serviu tamén para comentar o carácter alegre e participativo dos nenos/as saharauis, pois adáptanse cunha rapidez asombrosa, aprenden o idioma, fan amigos/as con total naturalidade e participan activamente da vida social do municipio.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións