Noticias
Campus de fútbol

Comezou o Campus Alcántara coa chegada dos irmáns Thiago e Rafinha e coa visita do seu pai, Mazinho

O Goberno local caldelán agradece aos xogadores a escolla de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, xerando así un importante impacto


27 xuño 2017
Ponte Caldelas

O campo de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, acolleu hoxe os primeiros adestramentos dentro do Campus Alcántara, que dirixen os xogadores Thiago e Rafinha Alcántara, do Bayern de Múnich e do Barcelona. A xornada contou coa visita do seu pai, e ex xogador  do Celta de Vigo, Iomar do Nascimento, coñecido como Mazinho.

O Goberno local caldelán, presidido por Andrés Díaz, quixo agradecer persoalmente aos irmáns a súa escolla das instalacións de Ponte Caldelas e tamén da granxa El Kiriko, de Fornelos de Montes, o que está a supor unha importante proxección non só publicitaria, senón tamén económica para toda a bisbarra diante da mobilización de máis dun cento de persoas entre participantes, patrocinadores e acompañantes.

Os concelleiros do Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) compartiron un rato cos irmáns Alcántara e o seu pai e agradeceron a súa estadía en Ponte Caldelas, nun ambiente de máxima cordialidade e espontaneidade. No acto estiveron presentes, ademais do alcalde, os concelleiros José Manuel Martínez e Manuel Barreiro.

Un total de 60 rapaces chegados de toda España, entre os que tamén hai alumnos ingleses, xaponeses e malteses, están xa participando no campus, no que reciben formación futbolística intensiva, en horario de mañá, e desenvolven actividades lúdicas nas instalacións de El Kiriko durante a tarde.

O campus está dirixido a rapaces de entre 8 e 16 anos. Foron seleccionados entre as solicitudes chegadas durante o prazo de inscrición. Mañá, mércores, terán unha xornada de convivencia coa Escola Deportiva Municipal de Ponte Caldelas, baixo a coordinación de Pedro Rodríguez, presidente da SCD Ponte Caldelas. Ademais, ao longo do día, atenderán a distintos medios de comunicación de ámbito nacional en entrevistas concertadas.


Outras novas

Estrada provincial Barro

17 outubro 2017, carmela silva, uxío benítez, mobilidade, barro, deputación de pontevedra, ep-0505
Plan Concellos 2017

15 octubre 2017, plan concellos 2017, vilagarcia de arousa