Noticias
Empanada

A primeira edición do XantaCaldelas superará todas as expectativas con máis de 500 comensais na Alameda

O Goberno local creou este evento para facilitar unha xornada de convivencia entre a veciñanza e os emigrantes que volven de vacacións


01 agosto 2017

O XantaCaldelas, a xornada de convivencia entre a veciñanza e os emigrantes que volven a Ponte Caldelas durante o verán, estréase este domingo marcado polo éxito de asistencia. Máis de 500 persoas teñen xa reservada a súa praza, polo que volverá haber cheo na Alameda nun evento organizado polo Concello.

Esta primeira edición xurdiu ao aceptarse a idea formulada por colectivos de emigrantes ao Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) que demandaban un evento popular que servise para reencontrarse cos veciños que hai tempo que non ven. A data escollida foi este domingo, día 6 de agosto.

Consistirá nun xantar a cargo dun restaurador e cun menú a base de entrantes de empanada e embutidos ibéricos, primeiro prato de polbo á galega, segundo prato de richada con cachelos, postre e café, ademais da bebida.  A animación musical estará a cargo do trío Extra. Todo a un prezo de 10 euros.

O prazo de inscrición rematou onte, día 31, pero nestes últimos días se están a recoller  as últimas atendendo ás peticións de varias persoas que pediron facer o pagamento despois do día 1. As solicitudes recóllense no Concello e o ingreso débese realizar na oficina de Abanca.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que a demanda rexistrada superou todas as expectativas, ata o punto que xa non é posible coller moita xente máis. O restaurador encargado do menú esixía un mínimo de 50 participantes e quedou abraiado cando lle dixemos que terá que cociñar para máis de 500, explicou.

Díaz recalca que moitos dos inscritos están en grupos, que deberán presentarse conxuntamente antes de acceder ao recinto da Alameda, co obxectivo de que a organización poda reservarlles sitio para sentar todos xuntos. O espazo ocupado polo evento gastronómico quedará acoutado e só será posible acceder por unha entrada única, previa comprobación da realización da inscrición. Dado o volume de asistentes, será imposible acomodar axeitadamente aos grupos se os seus integrantes se van presentando individualmente.

Ponte Caldelas é un municipio con fortes vínculos cos países tradicionais da emigración galega, e moi especialmente con Brasil ou México, pero tamén con nacións europeas. Moitos deles retornan, especialmente durante o mes de agosto, para gozar da súa terra. Era necesario, subliñan dende o equipo de goberno, crear un evento que serva para recuperar lazos. En ocasións, explica o alcalde, estes emigrantes visítano na Alcaldía para preguntarlle por veciños ou veciñas ou familias completas ás que non poden atopar. O XantaCaldelas é, por tanto, unha solución a unha demanda social.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións