Noticias
Festa en Ponte Caldelas

A Festa Gastronómica da Emigración de Ponte Caldelas serviu 15.000 pratos, un 138% máis que o ano pasado

O Goberno local anuncia a elaboración dunhas bases para o ano próximo co obxectivo de apostar pola calidade e a mellora continua


10 xullo 2017
Ponte Caldelas

A II Festa Gastronómica da Emigración de Ponte Caldelas pechou as súas portas onte, domingo, cun crecemento que superou nun 138% á estrea do pasado ano. Ao longo da fin de semana servíronse uns 15.000 pratos, deixando moi cativa a cifra dos 6.300 da primeira edición. A satisfacción entre os hostaleiros e o público participantes foi total.

Unha enquisa realizada entre os titulares dos 12 postos de comida representativa dos países e lugares relacionados coa emigración caldelán saldouse cunha nota media dun 9,5 sobre 10, toda vez que a nota mínima outorgada foi un 9. Todos os expositores subliñaron que experimentaron un crecemento espectacular sobre o ano pasado, oscilando entre o dobre e o triplo, segundo os casos. Ao tempo, os que se incorporaron este ano amosáronse abraiados pola acollida.

O retoque das datas, iniciando a Festa no venres noite e rematando co xantar do domingo foi valorado como un acerto que explica parte do crecemento. Varios locais recoñeceron que a estrea do venres foi espectacular e obrigou a reforzar as provisións para non quedar sen existencias. O sábado houbo cheo total, especialmente durante a cea, cando se chegaron a rexistrar esperas de case media hora para conseguir os pratos dalgúns dos stands máis concorridos. A animación musical con música galega, batucada brasileira e mariachis mexicanos volveu constituír outro dos atractivos máis valorados.

O Goberno local instalou 1.200 cadeiras, ocupando a totalidade do espazo dispoñible na Alameda e a previsión, que supuña un crecemento substancial sobre as 800 instaladas sobre o ano anterior, resultou acertada.

Na Festa Gastronómica da Emigración ofrecéronse pratos de comida internacional a 5 euros con bebida incluída. A maiores  cada local tivo liberdade para preparar outras presentacións, sempre representativas do mesmo país ou comunidade autónoma. Así, o cartel estivo formado polo Mesón Porteliña (Poio), coa gastronomía de Brasil; o restaurante Alalá (Venezuela), Verdugolandia (Uruguay), Klimbin (Portugal e Brasil), O Recanto (Estados Unidos) e o Mesón Mexicano de Tourón (México). Paralelamente, a Asociación Cultural de Chaín elaborou uns callos madrileños, a asociación Aires del Norte y Olé dedicouse ao corte de xamón con pan e viño e unha polbería ofreceu o típico polbo á feira galego. As dúas panadarías locais (Pecas e O Pan de San Antonio) ofertaron todo tipo de postres e empanadas. O elenco completouse co posto solidario que presentou unha paella valenciana co obxectivo de doar os ingresos a proxectos e programas destinados aos inmigrantes e a Cáritas Venezuela.

O Goberno local caldelán formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG está moi satisfeito destes resultados, que sitúan á Festa Gastronómica da Emigración como un dos eventos deste tipo con maior tirón popular de Galicia. Aínda que é difícil calcular o volume total de visitantes atraídos durante a fin de semana estímase que estivo moi por enriba das 20.000 persoas, toda vez que os bares e restaurantes do municipio rexistraron unha gran actividade.

O alcalde, Andrés Díaz, recorreu persoalmente todos os stands recollendo suxestións para a terceira edición. O rexedor anuncioulles que o Concello elaborará unhas bases que rexerán o certame, nas que quedarán establecidas todas as condicións e requisitos. "Creo que temos crecido dun xeito vertixinoso, ata o punto que xa non podemos pensar en aumentar moito máis no futuro; a aposta agora ten que ser pola calidade, consolidando o moito bo que temos e mellorando nas pequenas cousas que cómpre corrixir".

O alcalde adianta que haberá novas incorporacións de restaurantes que xa este ano estaban moi interesados, pero os establecementos participantes nesta  segunda edición, todos eles locais agás un, teñen o posto asegurado, "porque fixeron un traballo espléndido e son copartícipes do éxito".

O Concello agradece o esforzo, pois foron tres días de moita esixencia física, nos que hai constancia de que, diante da demanda, algunhas cociñas e fornos traballaron en horario nocturno para ter a punto as elaboracións.

Fotos


Outras novas

Estrada provincial Barro

17 outubro 2017, carmela silva, uxío benítez, mobilidade, barro, deputación de pontevedra, ep-0505
Plan Concellos 2017

15 octubre 2017, plan concellos 2017, vilagarcia de arousa