Noticias
BTT Troita

A cuarta edición da BTT Troita encheu Ponte Caldelas de ambiente ciclista

A cita do "mountain bike" transcorreu con total normalidade e unanimidade á hora de valorar a calidade do percorrido


04 xuño 2017

A cuarta edición da ruta de ciclismo todo terreo de Ponte Caldelas, BTT Troita, congregou hoxe a 310 "bikers", procedentes de toda Galicia, que non faltaron á cita coa paisaxe e o bo ambiente que se respira na capital da bisbarra do Verdugo-Oitavén.

A proba comezou a primeira hora da mañá con moitas gañas de gozar dun trazado mixto, con todos os ingredientes necesarios para gozar da bicicleta. Os últimos ciclistas chegaron sobre as 13.30 horas, coincidindo coa entrega dos agasallos dos patrocinadores. A organización, a cargo do Concello de Ponte Caldelas e da empresa Global DxT, estivo á altura das circunstancias cun máis que correcto marcado dos 38,5 Km do percorrido, suficientes avituallamentos e unha "fun zone" na propia Alameda.

Os ciclistas dispuxeron así de postos de froita e pastelería, auga e bebida isotónica, área de masaxes e servizo de lavado de bicicletas. Todo elo funcionou á perfección, aproveitando tamén o bo tempo da xornada. Ademais non houbo que lamentar ningún accidente con consecuencias remarcables.

Os tenentes de alcalde Enrique Vidal e Lito Muíños, en nome de todo o Goberno local formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, entregaron agasallos ao deportista de maior idade, que resultou ser José María Martínez, de 64 anos; ao máis novo, Alexandre Fernández, de 16, así como aos equipos máis numerosos, empatados con 11 participantes, a "Armenteira y Punto" e "Dobre Suspensión".

O Concello agradece a colaboración dos patrocinadores locais, entre os que figuran A Devesa, Froitas Nieves, cafetería La Cucharita, a escola de masaxe e quiroprática Quimas e Radio Pontevedra.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións