Noticias

A Calzada prepárase para o verán coa adxudicación do kiosko e o acondicionamento integral da contorna

A praia fluvial, única con bandeira azul de toda España, loce tamén en perfectas condicións, xunto co novo paseo e o Sendeiro Azul


24 maio 2017

Aínda non rematou o mes de maio e a contorna da praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, está xa lista para acoller aos primeiros bañistas. O Concello está a piques de rematar un traballo coordinado entre o terreo e os despachos administrativos.

A Xunta de Goberno Local declarou como oferta máis vantaxosa para a explotación do kiosko da Calzada, á presentada pola sociedade "PXSOL Spain S.L." O período de explotación será de dous anos. A adxudicación definitiva está só pendente de que a empresa presente a documentación requirida e a fianza durante o prazo regulamentario.

Esta oferta foi a mellor de entre as 9 que chegaron ao Concello no procedemento competitivo. O prego establecía a adxudicación para a firma que achegara un maior investimento, tanto en obra material como en actividades de dinamización do espazo. A proposta elixida provisoriamente ascende a 6.700 euros máis IVE anuais. Ao remate de cada ano deberá presentar as facturas xustificativas das actividades de dinamización gastronómica e cultural previstas durante toda a temporada.

O resto das ofertas recibidas, procedentes  tanto de empresas como de persoas físicas, presentaron un investimento moi inferior, polo que, se a firma inicialmente elixida presenta a documentación, será formalmente a adxudicataria durante os próximos dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous. A empresa deberá tamén achegar ao Concello un canon mensual de 60 euros en concepto de alugueiro das instalacións e correr cos gastos de luz e mantemento das instalacións.

Por outra banda, o Concello rematou estes días o acondicionamento de todo o espazo da praia fluvial, para o que esparexeu area, recuperando así a que levaron as riadas do inverno. Retiráronse tamén todas as árbores que sufriron danos durante os últimos temporais. Nos próximos días repararanse todos os bancos para que estean en perfecto estado, así como unha pasarela deteriorada pola caída dunha gran pola.

O alcalde, Andrés Díaz, afirma que deste xeito A Calzada queda preparada para o verán, despois de rexistrar cifras  récord de afluencia durante o ano pasado. Nas próximas semanas iniciaranse os trámites para a contratación dos socorristas, unha vez que a concesión da bandeira azul foi renovada hai poucos días pola asociación "Adeac", así como a distinción do Sendeiro Azul, o roteiro circular de 8 Km que transcorre polas beiras do río Verdugo e dá a volta polos pasos da Fraga. Ao acto de izado da bandeira azul acoderán, nas próximas semanas os concelleiros do Goberno local tripartito, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG.

O alcalde lamenta que outras árbores, caídas en diversos treitos do río Verdugo estean aínda pendentes de ser retiradas polos operarios de Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente. Trátase dunha competencia exclusiva deste órgano, polo que o Concello non pode facer máis que reiterar a súa queixa, xa expresada en media ducia de ocasións dende o pasado mes de febreiro.

Finalmente, o Goberno caldelán destaca que este ano, o paseo de acceso á praia loce tamén un aspecto impecable despois das obras de reforma integral efectuadas nos últimos meses cun investimento moi próximo aos 100.000 euros. As obras executadas permitiron tamén encaixar un carril-bici que está xa a ser moi utilizado pola veciñanza de Ponte Caldelas.


Outras novas

DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións
Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende