Noticias
Curso

Os alumnos do curso de camareiros organizado polo Concello de Ponte Caldelas rematan a súa formación

O alcalde subliña que existe demanda laboral no propio municipio para este sector


07 xuño 2017

O curso de formación de camareiros de bar e sala organizado polo Concello de Ponte Caldelas quedou clausurado coas últimas prácticas. O alcalde, Andrés Díaz, asistiu ao remate nas instalacións do Forga, o centro de formación do sindicato CIG no polígono empresarial de A Reigosa.

Unha quincena de persoas paradas do municipio completaron así unha formación que consistiu en 40 horas, incluída teoría e prácticas. Nestas últimas xornadas atenderon a clientes, elaboraron e serviron todo tipo de bebidas e tamén de pinchos doces e salgados.

O alcalde destacou o grao de satisfacción que atopou entre os participantes desta iniciativa formativa, ofrecida gratuitamente polo Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) de Ponte Caldelas a través da súa Axencia de Desenvolvemento Local. No acto de clausura desexoulles sorte a todos os participantes e significou que nestes momentos existe xa demanda laboral no propio municipio para o sector hostaleiro.

A formación recibida foi moi ampla e cubriu dende nocións básicas de busca de emprego pola Internet, á preparación profesional propiamente dita, incluíndo un breve curso de cata de viños.

O Goberno local caldelán aposta por desenvolver directamente as súas propias iniciativas de formación laboral. Considera esta fórmula máis flexible que a participación en plans doutras institucións, que se traducen na presentación de moitos requisitos e logo culminan nun breve período de prácticas, no que apenas  se produce retorno para a sociedade. A estreita relación co empresariado local, incluíndo ás grandes empresas asentadas na Reigosa, serve tamén de guía para planificar esta liña de actuación municipal. Xa se está a traballar nas próximas convocatorias, que volverán ser gratuítas e tamén en colaboración co Forga.

Por outra banda, en breve ofrecerase unha "master class" aos hostaleiros locais con vistas á terceira edición do "Caldelas Tapas", un exitoso certame que volverá celebrarse durante as noites do mes de xullo.


Outras novas

DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións
Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende