Noticias
Carnaval

O Entroido de Verán de Ponte Caldelas esperta o interese de comparsas e grupos de toda Galicia

O prazo de inscrición para o desfile, que reparte máis de 4.000 euros en premios, está aberto ata o próximo día 15


07 xuño 2017

O verán chega con anticipo a Ponte Caldelas este ano. Uns poucos días antes do comezo da estación, chegará o Entroido de Verán, que a vila acolle o próximo sábado, día 17 deste mes de xuño.

O Concello, que apostou pola fórmula de desdobrar o Entroido nun certame de inverno en local pechado e outro de verán ao aire libre, está a recibir o interese de numerosas persoas, grupos e comparsas de toda Galicia.

O prazo de inscrición está aberto ata o xoves, día 15, dous días antes da data da gran festa que comezará co desfile ás 21 horas e continuará cunha actuación musical na Alameda, a cargo da orquestra Foliada, durante a que se realizará a entrega de premios.

As inscricións, que marchan a bo ritmo, se complementan con chamadas de petición de información dende diferentes puntos de Galicia e numerosas consultas na web do Concello, onde están colgadas as bases do desfile e os premios para as distintas categorías.

Unha das principais novidades está na organización da zona de saída, que pasa ao paseo Cordo Boullosa (paseo da Calzada), onde hai un amplo espazo de aparcamento nunha finca habilitada para ocasión só para os participantes no desfile. O propio paseo proporciona tamén facilidades para a organización das comparsas e grupos antes do comezo do percorrido polo centro urbano.

O Goberno local tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, acouta deste xeito a loxística e aparcamento do desfile a unha zona concreta deixando libres todo o resto de aparcamentos para o público, en especial a explanada de Chan da Barcia e a contorna da Casa do Concello, onde tamén se habilita o aparcamento provisional.

O Concello subliña que Ponte Caldelas vivirá este ano unha auténtica festa do Entroido ao longo de toda a tarde e a noite, pois preténdese encher a vila de ambiente en comparación con outros anos, cando ao remate do desfile desaparecía toda a animación por causa do frío ou o mal tempo propios de febreiro e marzo.

"Agardamos unha gran afluencia de xente de toda a bisbarra e tamén de Pontevedra e Vigo, porque teremos un evento que se significa e supón unha alternativa de lecer moi interesante para ese día, así que estamos convencidos de que movemos ficha na dirección correcta", afirma o alcalde, Andrés Díaz.

Os premios económicos para os participantes son importantes e superan os 4.000 euros (un 36% máis que os do anterior mandato municipal). Ademais, outórganse seis premios ás comparsas (incluíndo un premio á mellor comparsa infantil) e cinco aos grupos.

As comparsas optan a un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 600, terceiro de 450 euros, cuarto de 400 e quinto de 350 euros.  No apartado de grupos prémiase con 300 euros ao primeiro, con 250 ao segundo, con 200 ao terceiro, 150 euros ao cuarto e 120 euros ao quinto. Os disfraces individuais e/ou parellas están recompensados con 100 euros o primeiro, 70 euros o segundo e 50 euros o terceiro. Finalmente, a mellor comparsa infantil recibe 50 euros.

As comparsas deben contar cun mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza. Esíxese música en directo e, tamén, unha unidade temática no vestiario e representación. Os grupos deben contar cun mínimo de cinco integrantes e poden ir acompañados de carroza. Tamén se lles esixe un concepto global temático. Os disfraces individuais ou por parellas serán valorados pola súa orixinalidade e/ou dificultade de elaboración, así como o bo humor ou a representación que despreguen durante o desfile.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións