Dos años de gobierno

Celebración dos dous anos de goberno

Bos días a todas e a todos!

Grazas por acompañarnos neste acto, que é moito máis que un balance de dous anos de goberno. É unha rendición de contas. É poñernos cara á cidadanía para facer unha valoración do modo de gobernar desta Administración provincial.

Se algunha palabra nos define é CAMBIO.

En soamente dous anos cambiamos radicalmente a forma de gobernar:

  • CAMBIO na toma de decisións: do presidencialismo do anterior goberno a unha dirección compartida, colaborativa, que analiza, define e decide a través do diálogo e o acordo.
  • CAMBIO na xestión: pasamos dun modelo escurantista, irregular, partidista, pouco equitativo, a unha xestión baseada na transparencia, na participación, na escoita activa ao conxunto da sociedade, a derrubar os privilexios e a respectar a autonomía dos concellos.
  • CAMBIO no modelo político: cambio total en todas as áreas do goberno, con novas ideas, novos proxectos, novas accións, novas prioridades, buscando o beneficio da provincia e non o dun goberno ou un partido.
  • CAMBIO na actitude fronte ás demandas do conxunto dos colectivos sociais, culturais, deportivos... Fronte a decisións arbitrarias, este goberno regula a súa acción a través de medidas xustas, con criterios obxectivos e con bases transparentes. Rematou a libre disposición da Presidencia, que evidenciaba un modelo clientelar de goberno.
  • CAMBIO nas finalidades que se perseguen. O anterior goberno tiña como grande obxectivo manter o poder, sen un proxecto para a provincia. Este goberno quere construír, xunto coa cidadanía e o conxunto dos concellos, unha provincia dinámica, emprendedora, sostible, construída para as persoas, con capacidade para xerar riqueza e distribuíla dunha forma xusta. Unha provincia que, mantendo a nosa cultura, a nosa autenticidade, poida construír presente e futuro.

En definitiva, CAMBIO, CAMBIO e CAMBIO.

Eu síntome moi orgullosa de ser a presidenta deste gran goberno e agradézolles a cada unha das deputadas e deputados o seu traballo, compromiso e bo facer.

Permítanme que, dunha forma particular, mencione o vicepresidente, que coordina as áreas de goberno que dirixen as deputadas e deputados do BNG e co que me sinto moi cómoda. Somos un goberno formado por dúas forzas diferentes pero somos quen de gobernar sen fisuras. Todas e todos nos esforzamos por que así sexa, pero quero singularizalo en César Mosquera.

Grazas a saber traballar xuntas e xuntos, desde a pluralidade, estamos a transformar a institución nun espazo de servizo á provincia e á cidadanía.

Foron moitos anos doutra visión e custa cambiar, precisa de moito esforzo, pero estamos a facelo, día a día, coa axuda de moita xente.

E, como dicía ao principio, hoxe toca render contas sobre os alicerces da acción do goberno provincial.

CONCLUSIÓNS

Para rematar, estamos no ecuador da lexislatura. Levamos dous anos no goberno. Realizamos neste tempo un CAMBIO total na institución e imos seguir facéndoo.

Sabemos que a cidadanía reclama dirixentes que fagan un bo uso dos recursos públicos e que rendan contas sobre estes. Temos o dereito a estar contentas e contentos:

  • Porque en 2 anos démoslle a volta a esta institución coma a un calcetín
  • Porque en 2 anos cambiamos a imaxe que a xente tiña dela: arbitraria, rancia, decadente, que só atendía intereses partidistas e onde había dúas portas, unha sempre aberta para os amigos… e outra pechada para os que non o eran. Fomos capaces de demostrar que non tiña que ser así
  • Porque en 2 anos devolvémoslle a seriedade, a dignidade á Deputación, porque reconquistamos bandeiras que aquí nunca existiran: a da igualdade, a da loita contra a violencia machista, a do medio ambiente, a da sustentabilidade, a da cultura, a bandeira da memoria, a dos dereitos civís, a dos colectivos máis vulnerables…
  • Porque en 2 anos retornámoslles o protagonismo aos concellos, a todos os concellos, sen arbitrariedades, sen "colegueos" e con equidade
  • Porque lles devolvemos a prioridade ás persoas, ás veciñas e veciños desta provincia. Políticas para a xente. Non pode haber outra razón de ser máis importante para estar na política. O resto é complementario.
  • E porque en 2 anos lle devolvemos a DECENCIA e a LIMPEZA a esta Deputación. Saímos fóra das páxinas de sucesos
  • Non quero rematar sen agradecerlles ás cidadás e cidadáns desta provincia a súa complicidade, a "palmada nas costas" que moitos e moitas nos dan e que ás veces necesitamos. Tamén grazas polas súas críticas e suxestións. Fixémolo todo ben? Seguro que non, pero a nosa vontade e compromiso é o de seguir contando con todas e todos
  • Quero agradecer tamén o traballo do funcionariado e das empregadas e empregados desta Deputación. Sei dos vosos desvelos e interese, que é o noso, para mellorar esta provincia
  • Quero darlles as grazas ás alcaldesas e alcaldes de progreso da provincia. Con elas e eles compartimos unha forma distinta de gobernar que facilita o desenvolvemento dun proxecto común que está a situar a provincia, e cada un dos concellos, como un lugar de referencia
  • Tamén aos rexedores e ás rexedoras do PP. Están moi satisfeitos e satisfeitas co traballo desenvolvido, aínda que as persoas que dirixen o seu partido non llelo permitan recoñecer
  • E quero rematar cos agradecementos nomeando os nosos equipos, técnicos e políticos, o seu extraordinario traballo. Sen o seu compromiso, o seu esforzo e as ducias de horas que dedican a que poidamos desenvolver esta nova Deputación todo sería moito máis complicado. Grazas a todas e a todos
  • E, se mo permiten, quero dar as grazas ao meu goberno. Pola súa dedicación, xenerosidade, actitude, horas de traballo, unidade e ganas de cambiar as cousas. Sei que ata agora non foi un traballo fácil e sabemos que tampouco o será nos próximos dous anos, pero sabemos o que queremos facer e farémolo

Así que, máis nada, saiamos aí fóra, ás rúas da nosa provincia… e a seguir traballando!

Moitas grazas!

Carmela Silva

  • 14/07/2017  Resumo da celebración dos dous anos de goberno

  • 14/07/2017  Celebración dos dous anos de goberno

  • 14/07/2017  Balance de los dos años de gobierno

14-07-2017 Dous anos de goberno

Audios

Celebración dos dous anos de Goberno