Día Mundial da Reciclaxe

Día Mundial da Reciclaxe

O día 17 de maio celébrase o Día Mundial da Reciclaxe co obxectivo de concienciar á sociedade acerca da importancia que ten tratar os refugallos como corresponde para non contribuír ao cambio climático e así protexer o medio ambiente.

A reciclaxe enténdese como o proceso polo cal unha materia ou produto xa utilizado, en principio destinado ao desfeito, sométese a un tratamento para obter unha materia prima ou un novo produto. É dicir, un refugallo que se volve a introducir no ciclo de vida, e isto é o que ocorre coa compostaxe: os restos de comida e vexetais trátanse para obter o compost, un fertilizante de grande calidade para hortas e xardíns.

A Deputación de Pontevedra está a desenvolver o chamado Plan Revitaliza de compostaxe co que pretende que, de cara a 2019, a cuarta parte dos veciños e veciñas da provincia de Pontevedra poidan compostar os seus residuos orgánicos, xa ben en composteiros individuais, colectivos ou en plantas de maior tamaño.

Neste traballo lévanse dando pasos dende o ano 2015, cando se optou por dar a coñecer aos concellos a compostaxe como sistema de xestión de lixo polas súas características máis económicas e ecolóxicas: afórrase ao non ter que transportar o lixo e afórrase o canon a Sogama polas toneladas de residuos que se tratan nos composteiros en lugar de incineralas. Así mesmo, o aforro en CO2 está máis que demostrado.

Nestes momentos 23 concellos da provincia pretenden implantar este sistema de xestión de lixo e teñen xa instalados 52 centros de compostaxe comunitaria.

As posibilidades de reciclaxe son moitas e necesarias para o medio ambiente. Compostar é unha delas, polo que xa sabes, ponte en marcha e apúntate á compostaxe!!

Día Mundial da Reciclaxe

Vídeos

Inauguración do axardinamento do centro de compostaxe comunitario en Barro