Día Europeo das Linguas

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS MINORITARIAS OU REXIONAIS

No Día Europeo das Linguas, a Deputación de Pontevedra quere facer súas as reivindicacións recollidas na Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais.

Calcúlase que arredor de 40 millóns de cidadáns da UE utilizan regularmente unha lingua rexional ou minoritaria histórica. Segundo informes da Unesco existen máis de 30 linguas europeas ameazadas.

A Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais establece que a protección das linguas rexionais ou minoritarias históricas de Europa, que  nalgún caso corren o risco de desaparecer, contribúe ao mantemento e ao desenvolvemento das tradicións e a riqueza culturais do continente. Tamén establece como un dereito o uso destas linguas tanto na vida privada como na pública.

Principais obxectivos e principios da Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais

1.    Nos territorios nos que se falen ditas linguas e segundo a situación de cada unha delas, as Partes basearán a súa política, a súa lexislación e a súa práctica cara a:

a.     O recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias como expresión da riqueza cultural

b.    O respecto da área xeográfica de cada lingua rexional ou minoritaria, actuando de tal sorte que as divisións administrativas xa existentes ou novas non sexan un obstáculo para o fomento de dita lingua

c.     A necesidade dunha aposta decida polo fomento das linguas rexionais ou minoritarias, con fin de salvagardalas

d.    O fomento do emprego oral e escrito das linguas rexionais ou minoritarias na vida pública e na vida privada

e.    O mantemento e o desenvolvemento das relacións, nos ámbitos que abrangue a presente Carta, entre os grupos que empreguen unha lingua rexional ou minoritaria e outros grupos do mesmo Estado que falen unha lingua utilizada de xeito idéntico ou parecido, así como o establecemento de relacións culturais con outros grupos do Estado que utilicen linguas diferentes

f.     A provisión de formas e medios adecuados para o ensino e o estudo das linguas rexionais ou minoritarias en todos os niveis apropiados

g.    A provisión de medios que permitan aprender unha lingua rexional ou minoritaria aos non falantes que residan na área na que se emprega dita lingua, se así o desexan

h.    A promoción de estudos e investigación sobre as linguas rexionais ou minoritarias nas universidades ou centros equivalentes

i.      A promoción de formas apropiadas de intercambios transnacionais, nos ámbitos cubertos pola presente Carta, para as linguas rexionais ou minoritarias de xeito idéntico ou semellante en dous ou máis Estados

2.    As Partes comprométense a eliminar toda restrición ou dificultade con respecto á utilización dunha lingua rexional ou minoritaria que desalente ou poña en perigo o mantemento ou o desenvolvemento da mesma.

3.    As Partes comprométense a fomentar a comprensión mutua entre todos os grupos lingüísticos do país, buscando a tolerancia cara as linguas rexionais ou minoritarias.

4.    Deben terse en consideración as necesidades e os desexos expresados polos grupos que empreguen ditas linguas. Se é preciso creando órganos encargados de asesorar ás autoridades sobre estas linguas.

5.    O mesmo é aplicable ás linguas sen territorio. Non obstante, as medidas determinaranse de maneira flexible, segundo as necesidades e os desexos, e respectando as tradicións e as características dos grupos que falan as linguas de que se trate.