Día das Artes Galegas

Día das Artes Galegas

O 1 de abril celebrase o Día das Artes Galegas, que este ano a Real Academia Galega de Belas Artes acordou dedicar á pintora viveirense Maruja Mallo. Atendendo á relación que a pintora homenaxeada tivo coa vila de Bueu, e en especial coa parroquia de Beluso, a Deputación de Pontevedra quere poñer en valor esta parte da súa historia e a importancia que tivo na súa traxectoria artística.

Beluso (Bueu). O departamento provincial de Cultura e Lingua está a organizar un acto simbólico o propio sábado 1 de abril na Casa do Pobo de Beluso, que constará do seguinte programa:

  • 18:00h. Contacontos para público familiar a cargo de ‘Polo correo do vento'.
  • 19:00h. Intervencións institucionais:
    • Félix Juncal. Alcalde de Bueu
    • Xosé Leal. Deputado provincial de Cultura e Lingua
    • Carlos López Bernárdez. Profesor y crítico de arte
    • Actuación musical
  • 20:00h. Despedida e peche

Sexto Edificio (Museo de Pontevedra). O Museo de Pontevedra posúe tres obras de Maruja Mallo, entre as que se conta Cabeza de negra (1946), de singular importancia e beleza. Co gallo da dedicación do Día das Artes Galegas a esta artista, poderanse ver expostos, por primeira vez, dous debuxos de corte surrealista da súa serie Fantásticas criaturas.

O sábado 1 de abril, ás 18h, todas as persoas que o desexen poderán participar na presentación da montaxe expresamente creada para esta efeméride no terceiro andar do Sexto Edificio onde habitualmente está exposta a Cabeza de negra de Maruja Mallo, desta vez acompañada dos dous debuxos e en diálogo coas obras doutras e outros grandes artistas do seu tempo.

Os venres 7,21 e 28 de abril, tamén ás 18h, iniciarase un percorrido denominado ‘Faladoiro con Maruja Mallo'. Trátase dunha actividade deseñada polo Gabinete Didáctico do Museo no que, a partir de fotografías, obxectos, poesía e imaxes, se dará a coñecer a esta artista dunha forma diferente.

Tras o faladoiro farase un itinerario pola colección do Museo facendo pequenas paradas diante da obra de artistas vinculados con Maruja Mallo, para poñer o colofón na descuberta e contemplación das súas tres obras orixinais. Ademais delas, no roteiro amosaranse obras de Dalí, Alberti, Benjamín Palencia ou Julia Minguillón, entre outras.

Arte e comercio local. O Día das Artes Galegas tamén é a data escollida pola panadería e pastelería pontevedresa de carácter familiar ‘A Devesa' para presentar unha iniciativa na conflúen arte e comercio local. Trátase da presentación dun deseño para unha nova bolsa de pan creado por ‘Polo correo do vento'. Os artífices deste colectivo, Enrique Mauricio e Carlos Taboada, realizaron un debuxo propio baseado na obra de Maruja Mallo ‘La sorpresa del trigo', que servirá para difundir e dar a coñecer a súa traxectoria vital e artística dun xeito máis popular e masivo. A presentación da iniciativa realizarase mediante un almorzo informativo e terá lugar ás 11h na planta superior do Sexto Edifico do Museo.