Día da Biblioteca e do Patrimonio Audiovisual

A Deputación de Pontevedra conmemora o Día da Biblioteca, 24 de outubro, e o Día do Patrimonio Audiovisual, 27 de outubro, cun programa de actividades co que pretende poñer en valor os fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.

Todas as actividades terán lugar no Arquivo provincial, na Rúa Padre Amoedo, e a entrada será libre ata completar aforo.

Programa

  • Martes 24 ás 21 horas. Presentación do libro ‘Aves do río Gafos'
  • Xoves 26 ás 20 horas. Audición comentada da compilación de gravacións históricas da música galega ‘Galicia en 78 RPM'
  • Venres 27 ás 20 horas. Estrea do documental ‘O purgatorio de Francisco Leiro'

A Biblioteca da Deputación centra os seus esforzos na compilación, proceso técnico e difusión de toda aquela bibliografía relacionada coa provincia de Pontevedra, en xeral, e con cada un dos seus concellos, en particular. A bibliografía provincial representa o 50% dun fondo, "Galicia", que na actualidade conta con preto de 20.000 monografías e que se completa coas coleccións das principais publicacións periódicas que estudan diferentes aspectos do país.

A maiores, nos seus fondos figuran aproximadamente 30.000 volumes de monografías relativas a temarios para oposicións, fondos antigos e obras de referencia, máis de 500 títulos de publicacións periódicas, e máis de 90.00 rexistros analíticos. Tamén hai que destacar os aproximadamente 800 traballos de investigación, os máis de 60.000 rexistros dispoñibles na sección de audiovisuais, e os preto de 25.000 documentos cartográficos da cartoteca.

A colección de gravacións sonoras galegas do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra está formada por máis de 11.000 documentos en soportes analóxicos e dixitais de contido diverso como música, palabra ou outros sons (natureza, ambiente, etc). A colección de imaxe en movemento conta con preto de 4000 referencias, abarcando calquera tipoloxía audiovisual: películas de ficción, documentais, reportaxes institucionais, publicidade, curtametraxes, programas de televisión, gravacións familiares, series, etc. A variedade de soportes da colección amosa de xeito fiel a evolución técnica do audiovisual: desde filmes de 16 ou 35 mm (de acetato, nitrato ou poliéster) ou películas en 8 ou super8mm ata cintas de vídeo e soportes ópticos e dixitais, dominantes na actualidade.