Noticias

Novas relacionadas

Plan estratéxico

Carmela Silva presenta as conclusións da fase de concertación do Plan Estratéxico de Turismo

O Plan estará aprobado en decembro, sinalou Carmela Silva, que asegurou que "debe ser presentado á Xunta e ao Goberno español" para traballar conxuntamente


20 set 2017

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez e ante alcaldes, alcaldesas e representantes dos concellos da provincia, presentou hoxe no Salón de Plenos do Pazo provincial as conclusións da fase de concertación do Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Pontevedra para os anos 2017-2020. Nesta primeira fase da súa elaboración, a institución provincial contou coa participación dos concellos e da industria turística a través de mesas de traballo temáticas, entrevistas e enquisas online.

Carmela Silva lembrou que "esta é a primeira vez que se formula un Plan Estratéxico do Turismo na provincia e tamén a primeira vez que se reúne a todos os concellos e ao sector privado". A Presidenta sinalou que "o turismo representa o 11% do PIB de Galicia e o 12% da ocupación laboral, polo que nos xogamos, con este plan consensuado e con recursos para poder desenvolver as liñas que se marquen, a actividade económica, o crecemento económico e a creación de emprego da nosa provincia".

A Presidenta provincial agradeceu "profundamente ao conxunto de concellos" e asegurou que "estamos moi asombradas e asombrados, así como satisfeitas e satisfeitos, do moito que tivestes aportado neste traballo previo que nos permitirá desenvolver as liñas estratéxicas do Plan". Carmela Silva lembrou que "un número impresionante dos concellos participaron nas mesas, responderon e formuláronnos as súas ideas e inquedanzas, o que significa que nesta provincia os concellos teñen moita consciencia da importancia do turismo e un grande compromiso con este sector tan relevante".

Carmela Silva tamén agradeceu ao sector turístico privado "porque tamén é incrible como ten participado, todo o valor engadido que nos ten dado para que de verdade poidamos dispoñer dunha diagnose seria sobre o que opina o sector", o que "nos permitirá telo en conta na proxección contemplada no plan estratéxico", sinalou a Presidenta. Así, Carmela Silva considerou que "temos un sector privado dinámico, comprometido, consciente das oportunidades e das afoutezas pero tamén das debilidades e disposto a colaborar entre todas e todos para ter un sector que funcione a curto, medio e longo prazo".

A Presidenta provincial, deste xeito, amosouse "impresionada por como os axentes públicos e privados son conscientes da enorme oportunidade que temos para ser unha referencia". Deste xeito, "participaron o 89% dos concellos da provincia e o 100% das empresas seleccionadas, o cal nos permite ter unha análise na que o conxunto do sector ten participado". Carmela Silva valorou moi positivamente a unanimidade nas respostas, como por exemplo en canto á necesidade de "ter un turismo sostible", xa que "é moi importante partir do mesmo concepto de turismo que queremos para a nosa provincia". Precisamente no que se corresponde coa sustentabilidade, a Presidenta asegurou que "iso vainos permitir que o noso sector siga sendo puxante, que manteña a nosa autenticidade, os nosos valores e o noso entorno" para "non ter un turismo masificado que a medio prazo consiga xusto o contrario do que nos propoñemos: unha maior presenza, un maior número de visitantes pero unha maior calidade". "Os datos din que temos moitas ideas e que temos moi claro por onde queremos ir", asegurou.

Carmela Silva sinalou que, trala fase de concertación, "queda unha segunda fase tras analizar estes datos, co cal sentarémonos de novo en grupos para xa establecer a estratexia e aprobar o Plan que queremos que sexa de toda a provincia, non da Deputación de Pontevedra, xa que deste xeito non tería valor". "Debemos seguir traballando conxuntamente para que todas e todos poidamos tirar da corda no mesmo sentido para que este sector poida seguir sendo unha das bases da nosa economía" coa súa capacidade asociada de "desenvolvemento doutros sectores como o servizos ou o agropecuario, e de novos nichos de actividade", asegurou.

Así mesmo, tras ser aprobado no mes de decembro, a Presidenta sinalou que "debémolo dar a coñecer á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado español porque hai moitos instrumentos, como feiras nacionais e internacionais, onde queremos ter presenza" para o que "as administracións débense pór do noso lado para podelo desenvolver, ao igual que os concellos da provincia, que deben ser axentes protagonistas do desenvolvemento do plan".

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha na fase de concertación do Plan Estratéxico de Turismo da provincia 10 mesas de traballo organizadas en oito temáticas (litorais; culturais; sobre cruceiros, MICE e turismo urbano; enogastronomía; natureza e termalismo; o Camiño de Santiago; turismo deportivo, activo e de aventura e tamén sobre turismo rural e de raíces), que contaron cunha participación media de 15 persoas. Ademais, 70 entrevistas cos 11 concellos turísticos da provincia de Pontevedra, 7 entidades xestoras, 11 asociacións e 41 empresas clave do sector e, por último, enquisas online para 61 concellos (dos que responderon 54) e 140 empresas, das cales a maior parte delas procedían de Sanxenxo (un 16%), Pontevedra (un 13%) e Vigo (o 9% delas).

No plan de concertación avaliouse a situación actual do sector turístico, tanto nos aspectos xerais do destino Rías Baixas como nos relativos ao ámbito público e ao privado. Ademais, identificáronse os produtos prioritarios, entre eles o turismo cultural, termal, de natureza, rural ou o enogastronómico. Tamén se concretaron as liñas de accións promocionais, nas que destacaron a promoción nas redes sociais, os acordos con empresas tour-operadoras e a páxina web www.turismoriasbaixas.com e se estableceron os mercados xeográficos prioritarios, tanto nacionais como internacionais. En canto ás materias de formación, malia a destacar todas como prioritarias, valoraron especialmente os idiomas, a atención aos usuarios e usuarias e a innovación turística. No que se corresponde cos retos identificados, a colaboración e coordinación entre as administracións e o sector privado, a desestacionalización, a diversificación da oferta, a profesionalización do sector e a promoción e difusión da provincia con fincapé na promoción do interior.

Facendo alusión a algúns destes asuntos, Carmela Silva expuxo os datos de visitantes ao Castelo de Soutomaior a día de hoxe como exemplo de que as cousas se poden facer ben. "No ano 2015 foron 8.400, en 2016 preto de 11.000 e agora veño de saber que hoxe entrou ao Castelo a visita número 25.000". Isto, en palabras da Presidenta, "reflicte que cando se fai unha oferta diferente e centrada no que somos, respectando a nosa autenticidade como elemento diferenciador, obtéñense resultados moi rápidos, triplicando o número de visitantes en soamente dous anos".

Deste xeito, a fase de concertación concluíu que o destino debe ser de calidade e non masificado, un modelo turístico sostible, cunha oferta diversificada, un destino auténtico e diferenciado, desestacionalizado, con proxección internacional e coordinado.


Outras novas

Workshop AECLab

20 setembro 2017, madrid, uxío benítez, deputación de pontevedra, aeclab, workshop, asociación española de la carretera
DepoRuarte Silleda

20 setembro 2017, silleda, deporuarte, 2017, deputación de pontevedra
Uxío Benitez

19 setembro 2017, uxío benitez, aeclab, asociación española de la carretera en madrid, futuro da mobilidade, workshop