Deportes-Depo Andainas

Tui. Camiño de Santiago Tui-O Porriño

  • Data da andaina: domingo 24 de setembro de 2017
  • Apertura de inscricións: 11 de setembro de 2017
  • Peche de inscricións: 20 de setembro de 2017
  • Localidade: Tui
  • Hora de inicio da andaina: 09.30
  • Hora de finalización da andaina: 13.30 (aproximadamente)
  • Hora de encontro: 09.00
  • Punto de partida e de encontro: Ponte internacional do Río Miño (Tui)
  • Horario do autocar (110 prazas)
    • Ruta 1: Por confirmar
    • Ruta 2: Por confirmar
  • Actividade gratuíta
  • Dificultade: media-baixa
  • Distancia: 10 km
  • Duración: 4 h
  • Tipo de percorrido: circular
  • Descrición da ruta:

    Propoñemos unha ruta diferente na que un dos técnicos se caracteriza do apóstolo Santiago para dinamizar a ruta e facer que as persoas participantes sintan a auténtica lenda do Camiño

    Partindo da mítica ponte internacional sobre o río Miño propoñemos unha ruta polo transitado Camiño Portugués cara a Santiago de Compostela, dirección Tui, pola pasarela lateral, que ofrece unhas espectaculares vistas sobre a vila de Tui.

    Seguimos camiñando por esta mítica ruta cara ao Parador de Turismo de San Telmo (pazo galego con cruceiro). Tras pasar este monumento chegamos a un fito do Camiño: unha pedra coa sinalización de 115,114 km a Santiago de Compostela.

    Realizamos un percorrido histórico pola zona vella de Tui, con numerosos edificios emblemáticos coma igrexas, museos, capelas, o cárcere vello...

    Abandonamos o circuíto urbano para continuar cara á parroquia de San Bartolomeu de Rebordáns, cun impresionante cruceiro e o seu templo, e proseguimos a ruta cara á ponte das Febres, sobre o arroio de San Simón.

    Descansamos e collemos forzas para regresar polo camiño alternativo á ponte internacional, pola zona vella de Tui. Trátase novamente dun percorrido circular con final no punto de encontro.

  • Lugares de interese:

    Comezando pola ponte internacional do río Miño, e pasando polos fitos da zona vella de Tui, atopamos diferentes puntos de interese de carácter maiormente arquitectónico e histórico, coma o Parador de San Telmo, un edificio emblemático coñecido como "cárcere vello", a catedral de Santa María, un antigo hospital para pobres e persoas peregrinas convertido en museo diocesano, a igrexa convento das Clarisas, a igrexa gótica das Clarisas, a ponte das Febres e o arroio natural de San Simón.

  • Actividades lúdico deportivas:

    Impartirase un breve obradoiro de identificación de rastros de animais e outro de orientación natural.

    Durante este último quilómetro as persoas participantes utilizarán signos naturais coma o sol e métodos coma o do reloxo para orientarse e atopar diferentes balizas con rastros de animais, coma pegadas, excrementos, marcado territorial en flora e fungos…

  • Avituallamento: ao inicio, no intermedio e ao final da ruta
  • Agasallo: as persoas participantes que realicen polo menos tres rutas de Depo Andainas recibirán unha mochila como regalo exclusivo
  • Servizo sanitario individual e asistencia sanitaria en ruta
  • Asistencia turística durante a ruta e acompañamento durante todo o percorrido
  • Teléfono de contacto da organización: 670 892 307 (Alba González)
  • Horario de atención: de luns a venres, de 9.00 a 14.00 h e de 16.30 a 18.30 h

Recomendacións para as persoas participantes

  1. Calzado adecuado: zapatillas de sendeirismo ou montaña, botas de trekking e calcetíns de algodón ou material transpirable (non se recomenda estrear calzado o día da ruta)
  2. Gorra, viseira, sombreiro ou outro tipo de protección para a cabeza
  3. Mochila pequena e lixeira para levar accesorios persoais, unha botella de auga (a organización repartirá auga pero é importante que cada participante leve tamén unha botella) e protección para o sol
  4. Camiseta de algodón ou dun material transpirable (unha de manga curta e outra de manga longa). Non se recomenda levar camiseta de tiras polas rozaduras que podería ocasionar a mochila
  5. Suadoiro e chuvasqueiro para os cambios de temperatura e pola posibilidade de choiva
  6. Teléfono móbil, tarxeta sanitaria e DNI
  7. Recoméndase avisar, antes da realización da ruta, de posibles alerxias e/ou intolerancias, así como proporcionar calquera información importante no caso de urxencia sanitaria
  8. Debemos ser respectuosos co medio ambiente, coidando da fauna e da flora da ruta, sen ensuciar nin danar nada durante o percorrido