Cooperación transfronteiriza

Declaración de Tui. Diluír a fronteira

A fronteira física entre Galicia e Portugal xa non existe. As vilas fronteirizas do Miño abordan o reto de medrar en cooperación, colaborando, facendo do seu emprazamento, fronte a fronte, un valor de unión a través de infraestruturas de mobilidade que potencien o fluxo de persoas entre as zonas urbanas, compartindo servizos que xeren eficiencia na súa prestación e utilizando os antigos elementos defensivos, recursos naturais, culturais e patrimoniais como elementos de atracción turística.

A estratexia da Deputación céntrase en buscar políticas, servizos que poidan ser deseñados e prestados de forma conxunta e coordinada e dos que se beneficie a cidadanía de ambos os concellos fronteirizos. Esta estratexia conformará un plano de ámbito territorial en ambas as marxes do río Miño que ten o seu encadramento na estratexia conxunta baixo Miño-alto Miño dentro da Eurorrexión. Para iso se está a traballar na creación dunha Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) entre os 16 concellos do sur da provincia e os 10 do norte de Portugal.

Coincidindo co aniversario do Tratado de Lisboa de 1668, polo que se firmou a paz entre España e Portugal, a Deputación de Pontevedra reuniu, o 13 de febreiro de 2016, no Parador de Tui, as alcaldesas e os alcaldes dos concellos do río Miño galegos e portugueses e as investigadoras e os investigadores e representantes sociais da zona nun acto simbólico para potenciar a cooperación entre ambas as partes da fronteira. A xuntanza serviu para asinar a Declaración de Tui, un documento que compromete a institución provincial e a CIM Alto Minho, organismo homólogo portugués, a seguir traballando conxuntamente.