Noticias
Ponte Caldelas Pxom

O Concello de Ponte Caldelas remata a redacción do PXOM e prepárase para remitilo á Xunta de Galicia

O documento tivo que ser reelaborado ao afectarlle a última Lei do Solo de 2016, que modificou en profundidade os núcleos rurais


21 xullo 2017

Punto e final á complexa elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponte Caldelas. O Goberno local e a oposición coñeceron hoxe o documento final elaborado polo equipo redactor despois dun ano de intenso traballo para adaptalo ás profundas modificacións introducidas pola Lei do Solo de 2016. O Concello enviarao á Xunta de Galicia, para comezar os trámites para a súa aprobación, en breve prazo.

O alcalde, Andrés Díaz, presidiu hoxe unha xuntanza na que estiveron representados os membros do grupo de Goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e a Oposición do Partido Popular. O equipo redactor presentou os novos planos adaptados, incluíndo as delimitacións dos núcleos rurais tradicionais e comúns, respectivamente, que teñen cambiado substancialmente coa nova normativa. Ao tempo, resolve o crecemento urbano harmónico delimitando novos solos urbanizables.

Na xuntanza repasáronse as parcelas previstas para dotacións, equipamentos públicos e zonas verdes. Se ben, a proposta do equipo redactor, evitouse a entrega de documentación para impedir a súa difusión ata o trámite de exposición pública, que chegará unha vez que se produza o informe previo da Xunta de Galicia e o Plan se someta a aprobación inicial.

Andrés Díaz subliña que o PXOM é un documento moi importante para o futuro de Ponte Caldelas, pois as actuais Normas Subsidiarias datan de 1993, e dende 1995 están sen actualizar. Especialmente relevante é para todas as persoas propietarias de vivendas que, a día de hoxe, están cualificadas como fóra de ordenación e que poderían ver regularizada a súa situación urbanística. "A filosofía deste equipo de goberno é incluír todas as vivendas posibles, pero dependerá do que diga a Xunta, que é a quen lle corresponde a aprobación definitiva", subliñou.

O Goberno local pediu o apoio da Oposición para impulsar o Plan, "pois é o mesmo documento elaborado polo anterior equipo de goberno do Partido Popular, ao que simplemente se lle engadiron as modificacións derivadas dos cambios legais", recalcaron.

O PXOM de Ponte Caldelas é unha vella aspiración municipal, pero sufriu un duro golpe en 2006, despois de que a Xunta emitira un informe previo negativo con máis dun cento de observacións contrarias. Tantas que o propio informe autonómico concluía cualificándoas de "especial relevancia" e mesmo de "incumprimentos  directos da normativa urbanística".

Agora ábrese unha nova etapa, aínda que o alcalde xa adianta que a aprobación dos Plans Xerais tense convertido nun trámite extremadamente complicado, toda vez que os Concellos asumen todo o traballo, pero á Xunta correspóndelle non só o informe previo preceptivo e vinculante, senón a aprobación definitiva.


Outras novas

Rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio

23 agosto 2017, cultura, oia, ano do patrimonio, etnoexperiencias
premios provinciais xuventude

23 agosto 2017, pontevedra, deputación de pontevedra, premios provinciais á xuventude, premios xuventude, último trimestre
DELE

22 agosto 2017, xuventude, cohesión social, cursos, deputación de pontevedra, dele, cursos español, cursos intensivos de español
En ruta coa depo

22 agosto 2017, andainas, caminata, excursiones, excursións