Rafa Domínguez enxalza o “talento emprendedor da nosa comunidade” na presentación dos Premios AJE Galicia

15/04/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu esta mañá na Caeira á presentación dos Premios AJE Galicia, cuxo acto de entrega terá lugar este xoves, 18 de abril, no pazo de Colón do Concello de Poio. Trátase, en palabras do vicepresidente, duns galardóns que serven “para poñer en valor todo o talento emprendedor da nosa comunidade”, aos que optan cada ano candidatas e candidatos que son “exemplo de innovación, de creatividade e de aposta por crear valor no noso territorio”.

Domínguez destacou o “papel fundamental” da Asociación de Xoves Empresarios, “como vínculo de unión e colaboración” e fixo fincapé no “grandísimo espírito emprendedor e innovador” da provincia de Pontevedra, “que está apostando tanto por novas liñas de negocio como por integrar as novas demandas no produto final, no proceso e no comportamento no mercado”. Neste sentido, puxo a disposición das persoas emprendedoras “todas as ferramentas que está a impulsar a Deputación de Pontevedra para converter en realidade os vosos proxectos”. “Queremos –engadiu– estar ao voso carón, impulsando programas que vos axuden e, con iso, contribuír ao dinamismo económico e ao avance desta provincia”.